In memóriam | Tilucha: enérxica, firme, carismática, mestra sempre

Jesús Manuel, Sesé e Mercé Barrientos Varela

CARBALLO

.

14 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Tilucha Varela, a filla máis vella de Mercedes, costureira, e de Manuel, un daqueles homes de ferro en barcos de madeira, cursou estudos superiores e fíxose mestra.

Esvelta e enérxica, a rapaza que cos seus escasos dezaoito, alá polo 1959, arribaba, procedente da cidade, da Coruña, á Costa da Morte, fíxose cargo da escola unitaria de Añobres. A espelida mestra que facía o traxecto no Finisterre ata Vimianzo e logo no coche de Perfeutiño do correo ata Os Muíños -o tramo final ata Añobres había que facelo a pé- tivo alí vivenda escolar sen auga corrente (madia leva, que aínda hoxe non a temos en Castelo nin Suxo). Os seus bikinis na praia, toda unha novidade naquela época de beatas e pánfilas e a súa autoridade, inédita en tan poucos quilos de moza.

Tilucha, con conciencia de clase gravada a lume no peito -o seu home ideal levaba os zapatos limpos e as mans con callos, traballadas- non toleraba que os rapaces faltaran á escola. Loitaba por darlles formación reclamándolles aos pais que os liberaran da labranza para educalos: os nenos de 10 a 1 e de 3 a 5; pola noite, ás 8, os mozos do lugar. Hai que dicir que do seu alumnado poucos saíron sen saber cubicar, facer unha regra de tres, escribir sen faltas. Tarefas esenciais para a súa vida de profesionais e cidadáns: iso que hoxe nos currículos da Secundaria chaman «as competencias chave para o desenvolvemento persoal, social e laboral».

Moitos coñeceron a súa inesgotable enerxía e firmeza, o carisma que a levou a encabezar a revolta democrática á morte de Franco, facendo que o seu marido (antes alumno) Xesús se presentara para alcalde. Ela pechaba as listas no número 13. Poucos saberán que naceu estando o seu pai no cárcere por responder á agresión dun falanxista; que foi unha excelente xogadora de balonmán; que o Cancioneiro Popular Galego de Dorothé Schubart lle debe as súas incontables visitas coa musicóloga suíza ás casas de Delfina ou de Emilia do Chibarro, nas que se facían pandeiradas e as palilladas.

Menos aínda que acolleu xente do incipiente exército de Galiza Ceive-OLN nos tempos da transición, ou que no 23F pasou horas de terror por non dar localizado ao seu marido, alcalde apenas electo na estreada democracia.

Aprendeu e aprendeunos

A vida viroulle as costas por veces e fíxolle pasar acedos momentos aos que se sobrepuxo maxistralmente. Aprendeu e aprendeunos, como fan os bos ensinantes: que o amor non é unha mercadoría de vai e ben; que pode con todo e que cando a parella acaba queda o sentimento de familia, de mirar polo ben do outro.

Ensinounos o valor da autonomía, da liberdade, da tolerancia de non impoñer nin o seu credo -non perdía unha festa de gardar, firme crente na Virxe da Barca-. Aprendeunos que cadaquén debe vivir como decide e pode e que as casas só son fogares cando se abren a todos.

Loitou sempre para que toda a familia se mantivera unida e tivo a máis extensa que se pode, porque a todos acollía e a todos visitaba sen que fixeran falta artificios nin desculpas, natural, espontánea e xenerosa co que máis custa. Foi orgullosa nai, avoa e hai uns días, leda bisavoa.