«Xustiza literaria e cívica» para Concha Blanco, que xa ten a súa praza en Cee

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Concha Blanco, á dereita, na praza que agora leva o seu nome
Concha Blanco, á dereita, na praza que agora leva o seu nome CONCELLO DE CEE

A vila ergueuse en pleno para festexar a cultura e arroupar á escritora, homenaxeada na súa vila natal

13 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Por «xustiza literaria e cívica» promoveu a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) unha homenaxe que en Cee soubo a nostalxia e a débeda saldada. Unha zona verde na zona do Recheo leva, dende onte, o nome da docente xubilada e prolífica escritora local Concha Blanco.

Nese espazo, inaugurado nun acto ao que quixeron sumarse ducias de persoas, descubriuse así mesmo un monólito conmemorativo no que se gravou un poema escrito pola propia homenaxeada: Cando a luzada aparece / Entre O Son e A Lagarteira / Esperta a vila de Cee / baixo a ollada da Xunqueira. Abrín os ollos en Lires / co arrecendo do mar / coas verbas da nosa lingua / elas sempre a me arrolar. / Fun tecendo a miña vida / con fíos de sal e seda / voando coma gaivota / libre, forte e leda. Aquí a miña gratitude / por este acto de amor. / Fico tranquila e agardo / a chegada do solpor.

Tivo Concha a oportunidade de dar lectura a estes versos durante o seu discurso de agradecemento, máis antes axudou a plantar un pradairo, unha árbore da súa propia escolla, polo significado sentimental que para ela ten. Contaba estes días para La Voz que ten plantado un no seu propio xardín e que chega a resultar tan cautivador, que en ocasións se atopa mirándoo sen decatarse.

CONCELLO DE CEE

A Banda de Música de Cee puxo a nota musical a un acto que, máis tarde, se trasladou á Casa da Cultura de Cee. Alí estivo a homenaxeada arroupada por numerosos persoeiros do mundo da cultura, como Pepe Carballude, Pilar García Negro, Mercedes Queixas, representantes da Fundación Eduardo Pondal (da que ela é patroa) ou a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco, ademais de compañeiros do Batallón Literario.

A AELG fíxolle entrega dunha peza escultórica en forma de letra E elaborada por Soledad Penalta, que non puido acudir. «E de educación, a túa gran vocación. E de esperanza, esperanza de que todos os que no seu día foron os teus nenos teñan nas súas vidas o recordo dos valores que lles inculcaches. E de escola. E de emoción, a emoción que supón para nós poder compartir contigo esta homenaxe tan merecida». Foron verbas da alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, que como outros membros da corporación foi alumna de Concha Blanco durante a súa etapa escolar.

CONCELLO DE CEE

Neste sentido, Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, recoñeceu a valía da autora por transmitirlle tanto aos seus pupilos como aos seus lectores o amor pola lingua: «Ela ensinoulles o dereito á esperanza da man do noso idioma. Para os que, coma ela, defendemos vivir en galego, o pesimismo no futuro do noso idioma é un luxo que non nos podemos permitir», sinalou.

Pilar Sampedro emocionou a Blanco coa lectura da súa laudatio, na que a describiu como a «autora das terras nerias» e como unha muller adiantada aos seus tempos no tocante á educación. Lembrou, por exemplo, como ela e un compañeiro conseguiron convencer no seu día ao inspector de Educación da zona para agrupar aos rapaces por idades, en lugar de por sexos, «adiantándose así á lexislación», relatou Sampedro.

Blanco, pola súa banda, confesouse emocionada polo recoñecemento e valeuse da figura de Emilio Pardo Bazán, e dese recoñecemento póstumo que moitos homes lle fixeron despois de que en vida lle puxesen múltiples atrancos, para reivindicar a igualdade. «Xa falecida, todo eran adornos de loanza dos que ela xa non podía gozar», dixo, e engadiu: «Espero e desexo que [este recoñecemento] sirva para visibilizar a reivindicar a necesidade de valorar e potenciar a igualdade de xénero. Que se vexa así unha xanela aberta a máis mulleres, as que, por distintas razóns, merezan tal honra».

Rematou a súa intervención facendo un chamamento aos organismos oficiais, aos que demandou atención, axuda e coidados para o mundo da cultura en todas as súas manifestacións, especialmente nunha época tan convulsa como a actual.