Plumas con mando | Na fin da terra e na orixe do noso mundo

xosé regueira

CARBALLO

BASILIO BELLO

Escribe Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación e concelleiro de Carballo | O Parque do Megalitismo da Costa da Morte avanza coa colaboración da Deputación e os dez concellos, un proxecto ilusionante coas posibilidades de futuro que ten o noso pasado

13 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Vinte anos non é nada, di o popular tango, e, menos aínda é se o comparamos coa impresionante antigüidade dos monumentos que compoñen o Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte, datados no cuarto milenio antes da nosa era. Estamos a falar, pois, de monumentos que contan con máis de cinco mil anos. Case nada.

Pouco son vinte anos para a historia do Dolmen de Dombate, a Pedra Moura, a Casa dos Mouros, a Pedra da Arca a Arquiña de Vilaseco, a Mina de Recesindes ou a Arca da Piosa, algúns monumentos do soberbio conxunto patrimonial que é testemuño en pedra da longa historia da Costa da Morte. Mais dúas décadas son, pola contra, abondo para marcar xa a urxencia de avanzar nun proxecto que arrincou no comezo deste milenio e só agora recibe o impulso que necesita.

Neste sentido, desde a área de Turismo da Deputación da Coruña estamos especialmente felices de partillar este camiño cos dez concellos do territorio, as Administracións máis próximas que saben da necesidade de protexer, coidar e poñer en valor un conxunto monumental que é un tesouro non só para a propia veciñanza senón tamén como recurso turístico e económico. Da mesma maneira que nos gabamos de vivir na fin da terra tamén podemos presumir de que estamos nun territorio onde aínda se conserva memoria poderosa da orixe da nosa civilización.

A Costa da Morte é paisaxe sobrecolledora, é gastronomía excelente, son posibilidades de lecer únicas cun mar especialmente acaído para deportes como o surf ou uns montes excepcionais para camiñar, mais a ninguén se lle escapa que somos un paraíso para amantes da astronomía e que o misterio, a historia, os mitos e a literatura forman tamén parte dos recursos que fan da nosa terra un destino especial, singular en moitos aspectos, único.

Unha forza especial

A esa condición case máxica, mítica sen dúbida, responden tamén os monumentos megalíticos, construcións pétreas dotadas dunha forza especial, diría que case telúrica, coa enerxía que lles dá terse mantido en pé como vestixios dun pasado tan remoto que os converte en elementos únicos dunha época en case nada do que agora coñecemos existía, máis aló do mar bravo e unha terra que foi tamén modificada polo paso do tempo.

Vinte anos atrás, a Xunta anunciaba a creación do Parque Arqueolóxico do Megalitismo mais só agora, co impulso da Deputación e os dez concellos implicados estase a botar a andar o proxecto, dotalo do orzamento e tamén, e non menos importante, ilusionar coas posibilidades de futuro que ten o noso pasado. A compra de bens patrimoniais en mans privadas, a sinalización e protección ou as xornadas que esta semana se desenvolven son algunhas das accións do novo tempo que vive o proxecto.

A Deputación comprometeuse coa conservación e posta en valor de Dombate, un ben patrimonial que se comezou a recoñecer como a catedral do megalitismo e que só en si mesmo podería ser motor de promoción turística da comarca, e, xunto cos concellos, estamos a artellar e deseñar os pasos a dar para facer realidade un soño, articular un modelo de acción que pon no centro os bens históricos mais que está trenzado coa implicación social da veciñanza, coa complicidade da comunidade académica e co compromiso das Administracións implicadas.

Por iso, da mesma maneira en que actuamos no proxecto do Parque de Ortegal, no da Idade de Ferro da Barbanza, no Compostela Rupestre ou no do río Anllóns, tamén na Costa da Morte, sabemos que a mellor forma para avanzar é traballar en man común, sumando forzas institucionais e sociais. Porque vinte anos non é nada para a historia milenaria dos nosos monumentos, mais é tempo abondo para acender o motor e dar pasos adiante, de mans dadas, para presumir de que, entre todas e todos, estamos a conseguir que a Costa da Morte sexa tamén coñecida como Parque Arqueolóxico do Megalitismo, é dicir, pola súa longa historia e o seu rico patrimonio