Rousseau non andaba en bicicleta

fernando cabeza quiles

CARBALLO

Fernando Cabeza

08 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Velaí a un servidor o 29 de setembro do ano 2019. Subo, con néboa, chuvia e friaxe o monte Castrove na V Marcha Ciclista do Marisco do Grove. Poucos días despois sufrín un grave accidente adestrando que me deixou, coincidindo coa pandemia, no dique seco, sen tocar a bici, case un ano e medio. Onte, cagado de medo, saín á estrada por primeira vez despois do parón. Sen apenas forzas, como se di no argot ciclista, non andei nin pa atrás. Malia que evitei o más posible as costas arriba, o xeonllo que rompeu aínda doe. A maioría dos automobilistas poñen moito interese en non arrolarme e matarme e respectan cada vez máis e mellor os ciclistas, pero algúns/as (unha minoría) desalmados/as, imbéciles ou escuros/as non me deixaron o metro e medio regulamentario ao adiantarme por detrás (¡que medo!), que terían que cumprir por lei e por humanidade.

As beiravías (arcéns en castelán) contiguas á calzada seguen, como antes, cheas de areas, pedras, cristais e parafusos (tornillos en castelán). Son estreitas e a liña de separación coa estrada propiamente dita, ao ser estriada, complícame moito a circulación, así como os tacos reflectores para a noite colocados cada poucos metros. En definitiva, apenas podo rodar pola beiravía (cando a hai). Disto dedúcese, sen ningún xénero de dúbidas, que as estradas galegas e españolas están feitas e pensadas só para a circulación de vehículos a motor. Este gran inconveniente para os ciclistas e para toda a sociedade, porque as temperaturas seguen subindo, debido ao efecto invernadoiro, solucionaríase coa construción e habilitación de beiravías (non confundir cos carrís bici urbanos) limpas, libres de obstáculos e coa anchura suficiente para que os amantes do pedal e da vida saudable non estivesen expostos aos perigos que hoxe temos que afrontar. A desaparición ou diminución destes perigos iría parella á do número de ciclistas mortos cada ano e animaría a sumarse á causa ciclista a outros que hoxe non se atreven (non me estraña) a saír á estradas en bicicleta, instrumento limpo e silencioso que non emite dióxido de carbono (CO2).

Mentres ía reflexionando neste tema, tan importante para min e para toda a humanidade, un coche (perdón, un energúmeno «conducindo» un coche) adiantou outro a gran velocidade e veu cara a min, que circulaba en dirección contraria, de fronte, poñéndome nun serio apuro (loxicamente está expresamente prohibido por lei exercer tamaña crueldade e violencia cunha persoa á que podes matar). Con xestos de desesperación «desexeille» ao dinosauro unha «boa viaxe» e pensei no xenial minirrelato de Augusto Monterroso que di: «Cuando deperté, el dinosauro todavía estaba allí». Decididamente, J. J. Rousseau, o célebre teórico da bondade intrínseca do home, non andaba en bicicleta.

A beiravía ou arcén da fotografía, aínda que podería ser un pouco más ancha, está ben, a liña de separación coa estrada non é rugosa ou estriada e dentro da beiravía non hai os tacos luminosos só pensados para os automobilistas cando circulan de noite. Ademais o dobre subliñado vermello tamén axuda a resaltar a figura do ciclista, co fin de que sexa visto e respectado, indicándolle aos demais usuarios da estrada que se desprazan a motor a vulnerabilidade do que se move co motor do seu esforzo, que ten os mesmos dereitos (e os mesmos deberes, claro) que calquera outro vehículo para circular por unhas vías que pagamos todos.

Outros espazos destinados á circulación de bicicletas que ao noso entender están mal feitos son os carrís bici construídos uns centímetros por enriba da calzadas, que non permiten ao ciclista deportivo un pedaleo forte e sostido, debido ao risco de caer á estrada contigua. En canto aos carrís bici que circulan polo medio das beirarrúas (aceras en castelán), pensamos que só serven para nenos moi pequenos que, ao circularen moi a modo, non poñen en perigo os peóns.