Fernando Patricio, tras os ronseis de José Mas e Baña Heim

Xosé M. V. V.

CARBALLO

10 jun 2021 . Actualizado a las 17:56 h.

Hai dous libros históricos que resultan capitais para o mapa dos naufraxios na Costa da Morte. A inencontrable novela La Costa de la Muerte do sevillano José Mas (hai tradución ao galego) e Costa de la Muerte. Historia y anecdotario de sus naufragios do mestre camellán José Baña Heim. Ambos son alicerce de toda a literatura desta temática xurdida en décadas posteriores.

Tras asistir á súa presentación, o sábado 29 de maio, na Casa do Pescador de Malpica de Bergantiños, temos enriba da mesa O mergullador Atlántico de Fernando Patricio Cortizo. Trinta e cinco historias emitidas no programa da Radio Galega Pensando en ti de Marcial Mouzo e nas que os desastres mariños e xentes de mar son varas para compoñer un libro atraente e distinto.

Nel Fernando Patricio abandona a liña do libro-catálogo usada en traballos anteriores, dos que é un referente, e preséntanos un volume que, a modo de crónica literaria, dá voz á memoria das xentes do mar. Desde testemuños de mergulladores ata os daquelas persoas que presenciaran cos seus propios ollos fatídicas traxedias que tinguiron de loito portos e aldeas destas ribeiras. Convite a contemplar tanta beleza das ondas mais tamén séndomos conscientes que cada veciño de porta da casa pode gardar na súa memoria unha máis que sorprendente historia mariña. E para iso cómpre con urxencia retomar e darlle valor á conversa nestes tempos nos que estamos afogados entre tanta cacharrería.

Aquí está todo o país mariño. Galiza de norte a sur. E, en clave nativa, Malpica de Bergantiños brilla cun protagonismo especial. Patricio Cortizo bríndalle a esta antiga vila baleeira tres capítulos no cerne do libro. Neles destaca un elenco privilexiado de informantes: José Blanco Haz (José da Muxiana), Ramón Rodríguez Alfeirán (Chucho de Rojito), José Pérez Carril (José de Genara) e Salomé Garrido Alfeirán, a das coplas do Priam recollidas por Xabier Maceiras.

A derradeira travesía do Priam aos pés da Malante é exemplo de buque-vapor que rendeu os seus días nas costas malpicás nos últimos alentos do século XIX. Como tamén o fora poucos anos antes a do fermoso Sidon (o devanceiro do desgrazado Titánic) no areal do Rias, en Cambre. A afouteza dos nosos patróns e mariñeiros serviu para que ambas traxedias contasen con escasas vítimas. Son tamén de curiosa lectura as liñas que Fernando dedica ao piano e aos trapos que aos poucos pariu o ventre do Priam no areal de Seaia e no Brance da Illa.

Hai dous capítulos especiais dedicados a tres persoas coñecedoras dos fondos mariños malpicáns coma a palma da man. Francisco Amado Castro (Francisco do Coral ou Francisco de Queixeiro, por terras de Razo), Isaac Sánchez López e Félix Ruiz Calvo. Francisco é un vello lobo de mar, «unha enciclopedia viva da máis recente historia marítima do noso país» como ben define Fernando. Isaac e Félix estaban convidados polo francés Jacques Cousteau a realizar unha reportaxe submarina no mar das Sisargas e Nariga.

Coa lectura reflexiva d'O mergullador Atlántico de Fernando Patricio Cortizo decatámonos que xa vai sendo horiña de irmos mudando a ollada ao mar malpicán. Pois neste libro demóstrasenos que tamén somos corazón de naufraxios. Desde os acontecidos nos míticos Baldaios, pasando pola Illa (as tres Sisargas), devalando polas enseadas de Seaia, Beo, Seiruga ou Barizo e despedíndonos, coma o rutineiro solpor, no esquivo cabo Nariga.