Fisterra tremeu co sismo poético en lembranza a Lois Pereiro

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

VÍCTOR HUGO

Foi un dos vinte lugares galegos nos que o sábado se conmemorou o 25 aniversario do pasamento do poeta

07 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha vintena de localidades galegas actuaron o sábado como amplificadores dun sismo poético que sacudiu toda a comunidade en lembranza a Lois Pereiro no 25 aniversario do seu pasamento. Promovida esta iniciativa «expansiva» polo Ateneo Casino de Monforte -localidade natal do poeta- a Costa da Morte sumouse dende o primeiro hotel literario de Galicia, o Bela Fisterra, por iniciativa dos autores Chisco Fernández Naval e Rafa Vilar.

O responsable do establecemento, Pepe Formoso, inaugurou o acto agradecendo «aos artistas por acudiren a nós para facer algo así» e dando a palabra a Fernández Naval, que fixo súas as verbas do Ateneo Casino para dar a benvida aos poetas que na xornada do sábado se sumaron ao «sismo poético» en lembranza a Pereiro.

Rafa Vilar, pola súa banda, fixo un amplo repaso a vida e obra do literato, considerado por moitos como o «poeta punk» e como un «libertario da vida e da escrita», dixo Vilar, que quixo tamén poñer en valor a decisión da Academia de dedicarlle o Día das Letras Galegas no 2011. «Nese momento, e tamén cando decidiron homenaxear a Xela Arias, estiveron á altura», comentou o escritor de orixe ceense.

Seguiu debullando ante os asistentes aspectos como a escasa obra publicada en vida polo monfortino, que se foi completando pouco a pouco tralo seu pasamento con pezas como a última lanzada pola editorial Chan da Pólvora, que fixo públicos os cadernos inéditos do poeta.

Vilar deu entón paso ao recital, pronunciando el mesmo primeiramente uns versos que acabarían por converterse no Epitafio de Pereiro, gravado na súa tumba: Cuspídeme enriba cando pasedes por diante do lugar onde eu repouse, enviándome unha húmida mensaxe de vida e de furia necesaria.

Rocío Blanco Formoso, Ainhoa Conde, Estevo Creus, Xosé Iglesias, Alexandre Nerium, Xaime Trillo e os propios Chisco Fernández Naval e Rafa Vilar participaron no recital, que foi tamén emitido por streaming a través das redes sociais.