Costa da Morte: experiencias inesquecibles para coidar a Costa da Vida

fran brea San José

CARBALLO

BASILIO BELLO

En primeira persoa | Escribe Fran Brea, educador da CEM, Cooperativa de Educación Ambiental de Culleredo: «Esta paisaxe cultural, con identidade de seu, merece ser coñecida, amada e conservada para as futuras xeracións»

06 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois de tres decenios de descubertas compartidas neste marabilloso e fecundo territorio, a Costa da Morte, non teño dúbida: no meu corazón síntoo como a Costa da Vida. Ao longo da súa vizosa, brava e extensa ribeira, desprende grandes doses de vitalidade, vigor, viveza en todos os seus habitantes, e nos seus valiosos valores do patrimonio cultural e natural, hoxe protexidos con diversas figuras. Hai uns días, empoleirado cun grupo de rapaces na Capela de Santa Rosa de Laxe, admirados da espectacular paisaxe e despois de contarlles a historia sobre o naufraxio en 1850 do barco Adelaide, unha nena preguntoume: «E logo ti como sabes tanto de Laxe?».

Esta pregunta fíxome reflexionar sobre a miña primeira experiencia como incipiente monitor de tempo libre e aprendiz do oficio de Educador Ambiental, nesta vila mariñeira de Laxe. As redes sociais no ano 90 eran presenciais, barrio, xogos, deporte, asociacións ambientais, amigos, coñecidos, familia... e ofrecéronme unha oportunidade única para participar nun Campamento de educación ambiental no CEIP Cabo de Area, substituíndo a un compañeiro que non podía acudir á cita. Así que o verán deparoume unhas abraiantes descubertas, aprendizaxes, amigos e amigas...enclavados nun medio natural incomparable, durmindo ao carón da paradisíaca praia de Laxe en tendas de campaña. Coas ondas do mar de fondo, lembro un canto longo e continuado, con trinos repetitivos que coa axuda dos compañeiros conseguimos identificar como unha ave chamada «laverca», que logo acadamos observar co seu voo rápido e forte batido de ás, con descensos vertixinosos cara o seu niño no chan.

Acampada en Laxe nos anos 90
Acampada en Laxe nos anos 90

Arredor deste impresionante emprazamento natural descubrimos tamén tesouros abraiantes da prehistoria como o Castro A Cibdá de Borneiro, onde realizamos un obradoiro de cerámica castrexa, o dolmen de Dombate, a praia de Soesto, Camelle e a visita inspiradora con Man e os debuxiños que lle regalaban os rapaces e rapazas, as conversas cos veciños e veciñas da zona e a súa sabedoría popular...

Esta experiencia e outras en anos posteriores atrapáronme sen escapatoria no mundo da educación ambiental, asumindo que os seus principios e descubertas son globais e inclúen non só o medio natural (fauna, flora, xeoloxía) ou a súa ecoloxía, senón tamén a cultura, a lingua galega, a historia, as tradicións, as lendas, a arquitectura tradicional, a arte e literatura, a reciclaxe do lixo, o uso da auga e a enerxía, os problemas ambientais... perseguindo facer xermolar a semente do cambio, do coidado e a conservación de todos estes valores, da acción positiva no medio.

Nos anos seguintes visitamos localizacións na Costa da Morte abraiantes como o Esteiro de Anllóns, no Concello de Cabana de Bergantiños, acampados no campo de fútbol do CEIP As Revoltas, onde adormeciamos mecidos polos asubíos afrautados dos mazaricos co seu cur liiiii, cur liiii. Lembro tamén a aventura de navegación pola ría para pasar ao outro lado, e descubrir o Monte Branco inspirador do poeta Eduardo Pondal e as súas magníficas dunas nas que localizamos a planta en perigo de extinción, endémica da provincia da Coruña, logo única no planeta, chamada «embiguiña», ameazada polo pisoteo e maltrato das dunas e a introdución de vehículos a motor na zona.

Flor Embiguiña. Ilustración de Suso Cubeiro
Flor Embiguiña. Ilustración de Suso Cubeiro

Outra zona que visitamos foi no interior de Muxía, con estancia no CEIP Vilarmide, e diariamente faciamos unha ruta en bicicleta para bañármonos nas Fervenzas e Caldeiras do Río Castro. Lembro a ledicia dos rapaces e rapazas que compartiron as augas cunha londra xoguetona que estivo acompañándonos un bo anaco.

Pero se falamos tamén de patrimonio cultural e da herdanza recibida dos nosos devanceiros, lembro como visitas moi especiais o Castelo de Vimianzo e os batáns de Mosquetín, o máxico e lendario mundo da Virxe da Barca en Muxía, o cemiterio dos Ingleses e o naufraxio do Serpent, a carpintería de ribeira de Cabana, a visita aos oleiros de Buño e palilleiras de Camariñas, os secadoiros de congro de Muxía, o foxo do lobo preto de Cabo Vilán, o museo da pesca en Fisterra, e por último San Xulián de Moraime no que sempre nos recibía a amiga Silvita, unha veciña ilustrada que exercía de guía innnata e improvisada explicándonos as marabillas da igrexa, a súa historia e lendas...

En todos estes lugares anteditos poderiamos dicir o nome dun amigo ou amiga (guía ou veciño) que nos conta e descubre sempre xoias do noso rico patrimonio e do que aprendemos a diario, para sensibilizar ás futuras e actuais xeracións da necesidade de conservación. Todas estas descubertas preparáronnos para afrontar no ano 1992 o paso ao profesionalismo da educación ambiental, naqueles tempos denominado polos nosos achegados de «arriscado, tolo e pioneiro», coa creación dunha entidade de economía social, unha cooperativa que nos permitiu ao longo de todos estes anos desenvolver a nosa vocación e paixón, nun proxecto común que nos preparou para afrontar proxectos de divulgación e interpretación ambiental máis grandes como o Museo da Pesca e Lonxa turística en Fisterra ou a sinalización e homologación de rutas e deseño de paneis interpretativos para o turismo.

Este conglomerado magnífico, esta paisaxe cultural, con identidade de seu, merece ser coñecida, amada e conservada para as futuras xeracións.