O Batallón da Costa da Morte, unha vitoria literaria

Patricia Blanco
patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Encontro no hotel Bela Fisterra, antes de que estalase a pandemia, en torno ao Batallón Literario.
Encontro no hotel Bela Fisterra, antes de que estalase a pandemia, en torno ao Batallón Literario. JORGE PARRI

Vintecinco anos pasaron dende aquel 1996 fundacional. A visión da poesía mudou grazas á forza dos versos xurdidos dende un lugar afastado. Cumpriu un cuarto de século o Batallón Literario da Costa da Morte. O futuro está nas novas fornadas

13 dic 2021 . Actualizado a las 21:55 h.

O bater das ás dunha bolboreta, no outro lado do mundo. Maio do 1996 eran outros tempos, de máis colectividade e asociacionismo, quizais de máis voluntariedade desinteresada, de máis costume de sentar arredor dun café, simplemente por encontrarse e, por que non, para falar de literatura. Neste contexto, e no dunha Costa da Morte afastada das grandes cidades cunhas comunicacións máis precarias ca as de hoxe, xurdiu no bar Macondo de Cee, que daquela rexentaba o poeta fisterrán Modesto Fraga, o Batallón Literario Costa da Morte. Pasaron, pois, 25 anos. O Batallón acadou as vodas de prata.

A creación desta entidade supuxo darlle un aire de formalidade a unhas quedadas que non deixaban de ser, na súa base, de amigos. Xentes na súa maioría da Costa da Morte, Cee, Corcubión, Fisterra, a meirande parte deles ben mozos e cunha fonda querenza pola cultura e a lingua galega, en xeral, e pola poesía, en particular. A do Batallón, con todas estas circunstancias particulares, e con aqueles aires de dinamismo, foi toda unha explosión, un fenómeno que, tamén a base de encontros con outros colectivos galegos, acabou resoando en todo o país. Na literatura galega contemporánea o Batallón ten o seu oco: «Un fito especialmente relevante para a comarca e de impacto significativo no conxunto da cultura galega», dixo da agrupación, a mediados de maio, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Non querían os seus membros outra cousa que levar á poesía á rúa, estendela, facela chegar a todos os lugares e foi así, nunha sorte de efecto contaxio, como aquel «virus» do Macondo gañou a batalla. A visión dos versos mudou a base de diversidade e pluralidade.

Ademais de Miro Villar (primeiro presidente) e o seu irmá Rafa, Federico L. Santalla, Xandra Tedín, o propio Modesto Fraga, Xabier Rodrígues ou Estevo Creus foron esencia mesma desta agrupación, ao igual que o poeta do mar Alexandre Nerium. Tamén Concha Blanco, María Canosa, Mónica Góñez, Paco Souto ou María Lado. Un feixe de nomes moi amplo para ser mencionado un a un, pero no que cómpre citar a Marilar Aleixandre. Ela non nacera no finisterrae, mais como ten escrito nestas páxinas, foi co convite a formar parte do Batallón cando tivo claro que era (e é) unha escritora da Costa da Morte. No seu caso, este virus levouna á poesía.

Do 1996 ao 1999, a actividade foi «escintilante», deixou dito. Merece mención o 97, cun cento de actividades dunha punta a outra de Galicia: recitais, concursos, debates, publicacións... Cun nome inspirado naquel antigo Batallón de Compostela e con algo da esencia de entidades anteriores, como Arre Sentelha! ou Blas Espín, quedaron do Batallón varios volumes colectivos (Nós, Rumbo ás illas, Mar por medio...) e tamén a referencia dunha revista propia, Feros corvos, en clara alusión a un verso de Pondal, o bardo galego que, dende Ponteceso, nutrira e fixera fértil esta terra na que logo sentou as súas bases o Batallón Literario.

Xosé María Lema, Fernando Cabeza Quiles, Xoán Alberte Moure ou Moncho Bouzas tamén engrosaron as súas filas. Estes, xunto con parte dos xa mencionados, participaron o ano pasado nun vermú literario celebrado no hotel literario Bela Fisterra para lembrar aquel Batallón que agora, neste 2021, vén de festexar o seu 25.º aniversario. O Batallón foi un logro, un milagre coa forza do cotiá. Dende o 1996 ata hoxe, os seus integrantes darían luz a arredor de 300 libros en galego, cifra facilitada por Modesto Fraga, que no mes de maio que vén de rematar coordinou a publicación, dende as redes do Bela Fisterra, dunha serie de vídeos de lembranza por parte dalgúns dos autores e tamén doutros colaboradores.

No transcurso do tempo, algunhas das voces foron quen de converterse en alicerces da literatura galega actual, sendo recoñecidas con numerosos premios. O Batallón xa non existe como tal, pero o seu legado permanece. Con esta homenaxe virtual polo cuarto de século o que se quixo foi, tamén, alentar ás novas fornadas, porque este territorio atlántico, paisaxe común aos distintos nomes, segue tendo canteira. Celebrar a efeméride ben pode valer para que o Batallón siga sendo un espello no que mirarse, para que lingua e literatura propias florezan. Continúa esa batalla.