Inés Mirás: «Levamos os nosos propios termos con auga aos concertos»

M. M. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A Banda da Loba, nunha imaxe do 2020
A Banda da Loba, nunha imaxe do 2020

Integrante de A Banda da Loba, falou en Radio Voz de pequenos xestos e tamén de como está sendo a volta aos escenarios

31 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Banda da Loba sumouse recentemente, a través da gravación do EP Hasme oír, á homenaxe a Xela Arias con motivo do Día das Letras Galegas. Inés Mirás, unha das súas integrantes, estivo a pasada semana no programa Ecovoz.

-Despois dun ano como o pasado, como levan esta nova normalidade?

-Volver aos escenarios está a ser toda unha alegría, baternos coas caras da xente. Estámolo collendo con moitísimo gusto. Vimos de pasar unhas semanas frenéticas e a verdade é que é moi reconfortante ver como a xente conecta contigo.

-Están notando algún cambio na xente?

-Si, totalmente. Xa desde o ano pasado, cando pasaramos de estar meses enclaustradas. O primeiro concerto xa foi, ademais de emocionante, moi diferente nas miradas, a pesar das máscaras. Hai unha intensidade diferente.

-O seu compromiso nótase tamén no medioambiental.

-Sempre se pode mellorar, pero é certo que a consciencia ecolóxica está presente no noso día a día. Por exemplo, na hora dos directos, decatámonos de que había moitos problemas coa xestión dos plásticos, co tema de auga embotellada. E, desde o pasado ano, decidimos levar nós os nosos termos. Son pequenos xestos. Ademais, cada unha de nós tamén ten composteiro na casa.