Vego, a campá da capela Nosa Señora do Carme camariñá

xosé troiano

CARBALLO

Pendura neste templo da Costa da Morte un anaco do buque Olympia, que petou nos Baixos do Boi no ano 1955

29 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

En moitas ermidas e capelas de Galicia, especialmente na Costa da Morte, antiga Costa Brava, penduran campás de barcos naufragados nas nosas augas, aínda que tamén as hai de barcos que naufragaron moi lonxe das nosas costas. Estas campás, que soen medir uns 30-40 centímetros de diámetro, volven á vida grazas a doazóns de armadores por agradecementos nos labores de salvamento, agasallos de mariñeiros que se quedaron con elas ou, na súa maior parte, rescatadas das profundidades polos chatarreiros que logo venderían ou agasallarían aos lugares de culto. No caso da campá da capela da Virxe do Carme de Camariñas, que mellor ca unha capela adicada á patroa dos mariñeiros para que pendure unha campá «mariñeira». Neste caso, a campá leva por nome Vego. Claro está que se preguntamos por ese nome, ninguén lembrará tal barco, pero se nomeamos o Olympia, os máis vellos do concello dirán: «Home si, este barco dou contras as pedras do...»

O Olympia era un buque de pavillón francés que navegaba con carga de cemento. Dirixíase de Brest (Francia) a Estambul (Turquía). A causa do sinistro parece ser que foi a espesa borraxeira que cubría a zona do Vilán. Sobre as catro da madrugada do venres 15 de abril de 1955, petaba contra os Baixos do Boi, zona moi coñecida pola famosa traxedia do Serpent, onde morreron 173 mariñeiros; o Trevider, en 1911, ou polo Iris Hull, no que dos 37 tripulantes tan só se salvou un, sete anos antes que o Serpent. O capitán deste barco cortaríase a gorxa ante tal traxedia.

Segundo as informacións que apareceron nos xornais como La Noche e La Voz de Galicia, o buque de pavillón francés entrou de proa nos Baixos do Boi, quedando inmediatamente inundadas as bodegas número 1, 2 e 3, así como a sala de máquinas. Fixeron unha chamada de auxilio e cara o Cabo Vilán irían varias embarcacións para tal efecto. Dado que o estado do mar era calma chicha, saíron ilesos os 27 homes que compoñían a tripulación. Evidentemente, ao coñecer o suceso, o axente comercial de Francia para A Coruña, o señor Serra, sairía inmediatamente co obxecto de atender aos mariñeiros que estaban aloxados na vila dos encaixes.

Este buque de casco de aceiro, era un barco de carga construído en 1929 polos británicos Thompson Robert & Son Ltd, en Sunderland. Tiña propulsión a vapor e contaba cunhas medidas de 100,7 metros de eslora, 14,7 de manga e 6,2 metros de puntal. Arrastraba 2.923 toneladas de rexistro bruto, aínda que os xornais da época dicían que era de 5000. Tiña unha máquina de 1 x 3 cilindros con motor de tripla expansión cun poder de 202 cabalos de forza (NHP), acadando unha velocidade de 11 nós. Saíu dos estaleiros co nome de SS Vego en 1929 para a compañía de pavillón Noruegués Ostervold, de Bergen. En 1931 venderíase a empresa Sobral, de Oslo, Noruega, rebautizando co nome de SS Ankara.

O buque Olympia. Fotografía de Pocholo Santa Cruz.
O buque Olympia. Fotografía de Pocholo Santa Cruz.

Pasados cinco anos, a empresa Cia, des Bateux á vapeur du Nord, Dunkerque (Francia), compraría este barco para chamalo SS Strasbourgeois. En 1951 volve a cambiar de donos, pasa a Franco-Tunisienne e rebautizando co nome de SS Olympia. En 1954 é traspasado para a derradeira empresa, como antes apuntamos, de pavillón francés, Cie, De Nav. Européenne, de Marsella. Esta sería a súa última singradura de nomes e empresas, pero ficaría na lembranza das xentes un anaco do Vego / Olympia, pendurando na capela do Carme de Camariñas, patroa dos mariñeiros. Nos días de misa ou no día 16 de xullo, festa grande na honra á patroa, escoitaremos o son das badaladas festivas, que anos atrás servía de aviso para cambios de garda, entre outras cousas, cando navegaba polos mares atlánticos e mares tenebrosos da Costa da Morte.

Bibliografía: TROIANO CRRIL, Xosé. 2017. “Camariñas, Corazón da Costa da Morte”. Asociación galega para Cultura e a Ecoloxía, Mos. // Xornal La Noche, 16/04/1955. Santiago de Compostela // Xornal La Voz de Galicia, 16/04/1955. A Coruña. //www.wrecksite. com.