Unha celebración do 17 que continuará hoxe na Costa da Morte

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Malante, onte, en Malpica
Malante, onte, en Malpica BASILIO BELLO

Algunhas localidades deron xa por finalizados os actos das Letras Galegas, mais noutras seguen, caso de Zas ou A Laracha

18 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Nalgunhas localidades, tal é o caso de Malpica, concluíu xa o programa cultural en torno ás Letras Galegas. Nesta vila foi un recital de versos de Xela Arias, animado polas pezas tradicionais da asociación Malante, o que deu por pechado na mañá de onte un intenso fin de semana. As Letras non só se festexaron da man de consistorios, senón tamén de entidades ou centros educativos.

O IES Maximino Romero de Baio iniciará mañá a súa Semana Cultura e no IES Parga Pondal de Carballo apostaron por algo «diferente» dende a súa biblioteca, Rebolo, implicando a alumnado de distintos niveis e tamén a diferentes departamentos. Caracterizándose de distintos personaxes galegos, cantantes, músicos, escritores, loitadoras, empresarios, pintoras, intelectuais, deportistas, actrices, heroínas…, daban unha serie de pistas para que os demais puidesen adiviñar a súa identidade.

En Camariñas, doutro lado, a aula Raquel Moreira do Museo de Encaixe acolleu a entrega de premios do certame escolar convocado polo Concello para conmemorar as Letras. Recolleron os seus galardóns (cheques regalo) os afortunados en cadansúa categoría. Fóronlles entregados pola alcaldesa, Sandra Insua, e a edila de Cultura, Encarna Liñeiro. Participou alumnado do instituto Pedra da Aguia, do colexio de A Ponte do Porto e tamén do CEIP O Areal.

O festexo deste 17 de maio continuará aínda unhas cantas xornadas máis. Hoxe mesmo haberá varios actos:

A Laracha

Taller de narración oral. 17.30 horas • Nenos de 3 a 12 anos son os destinatarios da derradeira proposta do programa das Letras na Laracha. Desta volta, a actividade será no centro sociocultural de Paiosaco, da man de Carmen Conde (Tarabela Creativa). Trátase dun obradoiro de narración oral: 17.30 horas. Onte, día grande, puido gozarse dunha sesión de teatro familiar con Culturactiva e a súa obra Rosalía. Actividades para os máis novos que complementou, este ano, a convocatoria dun concurso de marcapáxinas.

Zas

Trinke Trinke17.30 horas • En Zas, as actividades en torno ao 17 de maio seguirán ata final de mes. Hoxe é a quenda de Trinke Trinke, novamente. Visitarán estes Ratos o centro sociocultural baiés, ás seis da tarde, coa función Festa da poesía en catro estacións. O aforo é limitado, por causa do covid, así que hai que reservar praza. Pode consultarse se quedan aínda dispoñibles no teléfono 981 751 398.

Fisterra

«A palabra esgazada». Segue a proxectarse a través do Facebook do Concello de Fisterra un traballo audiovisual sobre Xela Arias: A palabra esgazada. Nel abórdase en seis episodios a vida e traxectoria desta autora.