Uxía: «Quedei moi impactada coa visita ao barco de Greenpeace»

La Voz

CARBALLO

Ana Garcia

A cantante acaba de presentar un espectáculo sobre o fado

17 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado mes de abril, Uxía subíase de novo ao escenario. Fíxoo para presentar, no veciño Portugal, o espectáculo Fado converxente. «Foi moi emocionante, un concerto moi especial por moitas razóns. Sentín unha conexión especial co público e tiven a oportunidade de compartir este proxecto con Cristina Branco», explicou en Ecovoz. 

-Di que non pode estar quieta, nin en pandemia. Que anda argallando para os próximos meses?

-Moitas cousas. Sempre teño varios frontes abertos, varios discos que fun compoñendo ao longo do confinamento e outros que estaban aí pendentes. En maio, en concreto, teño unha residencia artística no Náutico con Javier Ruibal.

-Sempre moi en contacto co entorno. Consciente da importancia de coidalo?

-No período escolar non se tocaban eses temas, así que fun collendo conciencia cos anos. Interésame moito o tema. Sempre digo que nos pequenos xestos está a clave. Hai que reciclar e estar pendentes do que acontece co cambio climático.

-Algún punto de inflexión?

-No meu caso, foi cando visitei o barco de Greenpeace que estivo en Vilagarcía. Quedei moi impactada polo que nos contaron e pola urxencia que temos para facer que isto mude. E de aí saíu tamén o disco O Veleiro Verde de María Fumaça.