Domingo de véspera de Letras Galegas: a axenda na Costa da Morte 

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Mamá Cabra
Mamá Cabra EDUARDO PEREZ

Carballo, Malpica, A Laracha e Fisterra acollen propostas nesta xornada, en torno a Xela Arias

16 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Na véspera das Letras Galegas son diversas as propostas culturais na Costa da Morte. Así vén, pois, este domingo:

Carballo

Praza Xela Arias12.00 horas • Chegou o día. O Concello de Carballo dará por inaugurada hoxe a Praza Xela Arias, na que días atrás quedou pintado un mural cun retrato e uns versos da autora, obra da artista Rakele Cavallo. Ao acto de hoxe, previsto para as 12.00 horas, acudirá tamén Xulio Gil, que foi compañeiro da homenaxeada, e o seu fillo, Darío. Rosalía Fernández Rial, poeta carballesa, acompañará a velada cun recital poético. O aforo é limitado, con convite. Estarán presentes veciños, autoridades, libreiros e tamén autores e autoras locais. A de Xela Arias é a rúa número 14 dedicada a unha muller no rueiro de Carballo. Deste xeito, como se dixo o venres, a súa pegada quedará para sempre, perenne, na capital de Bergantiños.

Malpica

Día na Praza do Campo. Diversas horas • Logo do arranque de programación, este venres, co Exército das paxariñas e coa presentación poética do certame Illas Sisargas, Malpica segue hoxe co seu Mar de Letras. Haberá moita actividade na Praza do Campo e será, quizais, a xornada máis intensa. Ás 12.00 horas, Gloria Mosquera e Diego Maceiras ofrecerán para os máis pequenos Arrolos con Mamá Cabra. Algo máis tarde será o tempo do Vermú das letras, co grupo malpicán Meigallo, da ACD Carcaxía. Para as 17.30 está previsto un Café de Letras, desta volta con Atenea García e o seu De ti e mailo mundo que apañes, un percorrido pola obra da poeta, tradutora e editora Xela Arias. Finalmente, ás 19.30, comezará o concerto do grupo Acordeireta, acordeón e pandeireta con Patricia González e Alejandro Balbuena.

A Laracha

Contos para bebés. 12.00 horas • A primeira actuación na Laracha con motivo das Letras Galegas foi a de Caxoto, en Caión. Hoxe, a actividade trasladarase á capital municipal. Alí, no baixo da biblioteca, está prevista unha sesión de contos para bebés a partir dos seis meses, á que poden acceder tamén nenos de ata catro anos. Trémola Teatro é a compañía convidada para este domingo, coa súa función Brilla Brilla. Quedan aínda neste concello dúas propostas máis, a maiores do certame de marcapáxinas promovido neste 2021 dende o consistorio e que pechou o seu prazo de participación esta mesma semana. Haberá catro premios en dúas categorías.

Fisterra

Musical para bebés12.00 horas • María e Jorge, Cucú, intervirán no salón de actos cunha proposta para nenos de 0 a 3 anos. Pode consultarse se quedan prazas en culturafisterra@hotmail.com. 

Cerceda

Concurso fotográfico. O Concello cercedense organiza polas Letras Galegas un certame fotográfico. Hai que achegar unha imaxe lendo no espazo natural preferido do municipio: dende onte ata o venres 21. Pode enviarse ao correo cultura@cerceda.es.

ANA GARCIA

«Xeliña fala galego», dende Caión a Vimianzo

18.30 horas • Casa da Cultura • Felipe Díaz Valle, Caxoto, pasou este venres 14 polo colexio de Caión co seu espectáculo de narración oral Xeliña fala galego. Con el achega aos pequenos á vida da autora homenaxeada este ano, percorrendo a súa infancia. Caxoto volverá hoxe á Costa da Morte con esta función: ás 18.30 horas, en Vimianzo.

Ana Garcia

Os últimos poemarios do certame Sisargas

Na xornada do venres e dentro das Letras, a Casa do Pescador de Malpica acolleu a presentación dos textos, xa en formato libro, que gañaron a última edición do certame de poesía erótica Illas Sisargas, convocado pola asociación cultural Caldeirón. Así, alí estiveron Laura Ramos Cuba, con Rascamasseiras (neste caso, accésit), e Charo Pita (gañadora), con O cuarto de Jane.