Antonio Rodríguez Miranda: «Está retornando moita xente»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

XOÁN A. SOLER

ENTREVISTA DE DOMINGO | SECRETARIO XERAL DE EMIGRACIÓN | A pandemia tamén afectou á relación coas comunidades no exterior

16 may 2021 . Actualizado a las 18:36 h.

Antonio Rodríguez Miranda é secretario xeral de Emigración dende finais de decembro do 2012. Biólogo de formación naceu na Bola (Ourense), en 1977, e a súa vida persoal e política fíxoa en Allariz, ademais dos anos como deputado en Santiago. Con moita frecuencia reúnese (ou reuníase, pola pandemia: agora virtualmente) con centros galegos, moitos deles con responsables da Costa da Morte.

-A pandemia tamén se notou no traballo do seu departamento, na relación cos centros?

-Evidentemente. Nós xa dende principio, dende marzo do ano pasado tivemos que empezar a readaptarnos para seguir cumprindo ese mesmo servizo público. Replantexamos o tema das colaboracións culturais, polo peche de case todos os centros, e iniciamos obradoiros online de diferentes especialidades. Tiveron un gran éxito e impacto. A moita xente maior foille de moitísima utilidade, como unha forma de acompañamento ante a falta de contacto. Tamén nos impediu facer viaxes, os de mozos e os de reencontros. Tivemos que adaptar as axudas, tanto para as persoas como para as entidades, cun reforzo especial de axuda para os mantementos, os gastos fixos que se teñen igual estando pechados e sen ingresos. Houbo momentos en que se puido empezar a facer algunha cousa, sobre todo en Europa, máis ou menos como aquí, pero América está nun momento moi duro, sobre todo Arxentina, Venezuela e Brasil.

-E están volvendo a poñer en marcha as axudas?

-Si, xa estamos a tope con elas. Non as resolvemos aínda, porque ás veces, cando se presentan as solicitudes, falta algún papel, e temos a obriga de dar un prazo para completalo. E só que lle falte a un no mundo retrasa a todos os demais. Pero imos rápido, cumprindo os prazos.

-Moitos presidentes de centros, sobre todo os de Suíza, quéixanse de que a xente nova xa non vai a eles, que iso esmorece. Como o ve, teñen futuro?

-A curto e medio prazo digo que si. Os centros galegos están persistindo e resistindo máis que os de outras comunidades autónomas, ou españois en xeral. Que as novas xeracións teñen menos vinculación? Si, pero iso é algo normal, porque os amigos desas novas xeracións xa son do contorno de cada país. E tamén depende de cada familia, o xeito en que se traslada aos fillos a relación coas entidades galegas. Nós, dende Galicia, tratamos de axudar a que esta xente máis moza, que nace alí, poida participar nos distintos programas, para que cando veñan se mesturen, compartan... Aínda que algunha vez se desvinculen, poidan volver, como xa temos en moitos casos. Xente que se desvinculou e agora regresa cos seus fillos a eles. Si que a intensidade dos centros vai ser distinta do que era nos anos 80 ou 90. As xeracións xa viven todo isto como algo distinto, todos nos temos que adaptar.

Santi M. Amil

-A súa Secretaría Xeral tamén se pode chamar de retorno, por todos os plans e axudas que hai. Perciben que se incrementan os regresos, e os que o fan acudan a vostedes para asesorarse?

-Está retornando moita xente, e de todos os países. De Europa, de onde máis, Reino Unido, Suíza, ou Alemania, porque é onde máis presenza hai. E de América, máis de Venezuela, porque é o país máis castigado; tamén Brasil, e estamos notando un regreso lato de Arxentina e outros países de América. E si, dende hai uns anos cara aquí, o noso traballo xa non é só de cara ao exterior e residentes fóra, senón moi centrado tamén en fomentar o retorno e axudar no momento de facelo. O punto de inflexión grande foi no 2018, cando o Goberno galego aprobou a Estratexia de Retorno, para dar forma a actuacións que xa se levaban a cabo, pero cun instrumento planificado de traballo. O Goberno galego asume a idea transversal de que en calquera programa de calquera departamento hai que pensar en que medida pode beneficiar a un retornado. En todos os aspectos da vida. Así que vai máis aló da secretaría.

-Vai máis aló, pero hai un departamento específico para iso.

-Si, as oficinas integrais de seguimento e asesoramento ao retornado. Somos pioneiros nisto, en toda España. Son oficinas que naceron co apoio dun programa europeo. En cada unha das catro provincias galegas existe unha oficina para que calquera retornado poida ir a que se lle axude, se lle oriente. No que sexa competencia da Comunidade Autónoma, por suposto, pero tamén naquelas outras competencias alleas, locais ou estatais, orientando en todo o que se poida.