«Zoquiñas vermellas» e Semana Cultural no instituto de Baio

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O Maximino Romero de Lema acolle esta exposición artesá con mensaxe igualitaria. Doutro lado, agardan xa por días de moita actividade

14 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Todo o mes • O instituto Maximino Romero de Lema baiés acolle, ademais da exposición Nós somos elas, outra mostra itinerante ben simbólica. Dende o día 11 e todo o mes estará no centro Zoquiñas Vermellas, «símbolo de reivindicación dunha sociedade máis igualitaria», trasladan desde o IES. Este proxecto replica na Costa da Morte a iniciativa Zapatos Vermellos da mexicana Elina Chauvet, na memoria de su irmá, vítima de maltrato. Neste caso, son a Asociación Oleira de Buño e a entidade Invisibles as que impulsan este proxecto que continúa denunciando esta mesma lacra social. Dende o centro baiés quixeron aportar tamén o seu gran de area, así que venderán broches de zoquiñas vermellas, cuxa recadación irá destinada a prestar axuda ás vítimas de violencia de xénero.

Axiña, a Semana Cultural

Na semana das Letras, particularmente do 19 ao 21 (de mércores a venres), celebrarán ademais neste instituto a súa 15.ª Semana Cultural. As dúas mostras mencionadas terán un oco nas actividades, moi diversas. A Asociación de Amigos da Canceira de Ordes, a escritora Dores Tembrás, o Ceida, Juan Gestal abordando o covid-19, Rosa Villar falando sobre inserción laboral, Isaac González en torno a novas tendencias de dispositivos móbiles, Yago Espasandín incidindo no traballo actoral, Francisco Lema sobre o lobo, Adrián Levoso sobre fotografía e Concha Monje sobre creación Maker serán os convidados da primeira xornada, que incluirá a maiores un concerto de MJ Pérez. Ángel Concheiro, Cora Peña, Adega, Antía Ameixeiras, Asociación Sexus, Aldaolado, Antía Pérez, Trinidad López, Xosé Francisco Velo, Quérot+, Alba Farto, Xurxo Mariño, Marta Diz, Abel Crespo, Irma Macías e Xaquín Rama, Cándido Pazó e Caamaño&Ameixeiras visitarán asemade entre xoves e venres o IES de Baio.