16 may 2021 . Actualizado a las 14:04 h.

Así como é certo que perdemos dun xeito case irremediable a microtoponimia e todo o que nos rodeou durante media vida e séculos enteiros, tamén o é que se nos van expresións asociadas a plantas, flores ou insectos que, como os usos labregos ou os cultivos, teñen unhas variantes comarcais que amosan a riqueza do léxico e da fala. Por aí as redes sociais axudan moito, non todo van ser nimiedades. Unha imaxe dunha xoaniña movéndose por un estalote dá para un fío dourado enorme. «Xoaniña voa, voa, que che hei de dar pan de broa», apunta un. «Mariquita: rei, rei, cantos anos vivirei? Vintecinco non o sei. Un, dous, tres, catro....», e así ata que voaba e daba sorte, ou iso dicían, iso din aínda.

«Maruxinha, voa voa, que o teu pai vai en Lisboa, a comprar o pan de broa», tamén sinalan. Con variantes: «Xoaniña, voa, voa, que che hei dar pan de broa. Xoaniña, voa, voa vai e tráeme algunha nova», ou «Xoaniña, voa, xoaniña voa, que che hei de dar pan e filloa». E «mariquiña, mariquiña voa, voa, que che dou pan e cebola». Meteoróloga, de paso: «Pepiña rubia, pepiña rubia, maña fará sol ou chuvia?». Sol, se empezaba a voar.

Alguén imaxina a un rapaz, a unha rapaza de hoxe, andar detrás delas polas beiras das silveiras e arrós e saber estes ditos? Ou buscar polos mesmos lugares amorentes, amorodos, morillóns, marotes, amorotes, morillos, marogos, marolas, merotes, morodos, careixos..., que todo é o mesmo.

Ata esa mesma xoaniña pode voar sobre bilitroques, abrulas, dedaleiras, bodoques, sabanolas, balocos, sanxiallaos, croques, croqueles, cloques, troques, sanxoáns, tríscalos, estalotes, bilincocas, estralouros, estraloques e abelurias, e estar sempre no mesmo sitio.