Os actos das Letras Galegas botan a andar na Costa da Morte

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

2021, O ANO DE XELA ARIAS |A narración oral ten un peso destacado nestas primeiras citas en torno ao 17

14 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • Ao longo desta semana e incluso a finais da anterior foi habendo xa na Costa da Morte algún acto vinculado á celebración das Letras Galegas. No obstante, é hoxe, venres 14, cando o groso dos programas municipais e de entidades en torno ao 17 de maio empezan a coller forza. É o caso de Malpica ou da Laracha. En Carballo, aínda que algún detalle xa se coñece, como o acto de inauguración da praza para Xela Arias, o domingo, ou o concerto da Banda da Loba, con recital poético, o propio luns, será hoxe, ás 11.30 horas, cando se dea a coñecer o conxunto íntegro das propostas.

Este venres, así pois, preséntase tal como segue:

Malpica

Narración oral e poesía. Pola mañá (centros escolares) e 20.00 horas (Casa do Pescador) • Arrinca forte o programa malpicán. Durante a mañá, Soraya Lema e Adela Dios percorrerán os centros educativos do municipio co espectáculo O exército das paxariñas. Nos colexios Milladoiro e Joaquín Rodríguez Otero, así como nas unitarias de Barizo e Mens, achegaranlle aos pequenos a figura de Xela Arias, homenaxeada este ano polas Letras Galegas. Narración oral e música en directo (acordeón, ukelele, tambor e frauta) para que os nenos vaian coñecendo o valor da poesía e a maxia das palabras desta escritora. Doutro lado, ás oito da tarde, o fogar do pensionista da Casa do Pescador malpicá acollerá a presentación das obras gañadoras das dúas últimas edicións do certame de poesía erótica Illas Sisargas, convocado pola entidade Caldeirón: Son Rasmaceiras, de Laura Ramos Cuba e O cuarto de Jane, de Charo Pita.

 A Laracha

Narración oral en Caión17.00 horas • O colexio de Caión é o espazo onde hoxe botará a andar o programa larachés das Letras Galegas. Será con Felipe Díaz, Caxoto, e con Xeliña fala galego, un espectáculo de narración oral e contos que lles achegará aos nenos de 6 a 12 anos a vida de Xela Arias, as súas vivencias de pequena. Hoxe, doutra banda, é o último día para presentar marcapáxinas ao concurso impulsado dende o Concello, novidade este ano: poiden deixarse os traballos en calquera das bibliotecas municipais: isto é, A Laracha, Paiosaco e Caión. Esta mesma semana, haberá outra función o domingo: Brilla brilla, contos para bebés e nenos de ata catro anos no baixo da biblioteca larachesa (12.00), a cargo de Trémola.

Cee

Mostra, premios, oralidade... Diversos horarios • O auditorio Baldomero Cores da Casa da Cultura acollerá esta tarde a entrega dos premios do 30.º Concurso Literario de Achegamento ó Libro e do 17.º En busca do noso marcapáxinas, convocados nos dous casos pola biblioteca municipal Francisco Mayán. Esta, doutro lado, acolle ata o 28 deste mes unha mostra sobre a figura, vida e obra de Xela Arias. Dez carteis informativos da exposición itinerante Xela Arias. Asinamos ser libres, impulsada pola Xunta, e libros do fondo bibliográfico da biblioteca ceense integran este mostra. Tamén en Cee, hoxe, antes da entrega de galardóns mencionada (18.00 horas), pasará Pedro Brandariz pola Casa da Cultura con Senlleiras: as mulleres das Letras, un percorrido escénico pola literatura galega e, particularmente, por Rosalía de Castro, Francisca Herrera, María Mariño, María Victoria Moreno e Xela Arias. Mañá será a quenda para Sarabela Teatro con A lingua das bolboretas (20.30 horas): aínda poden reservarse hoxe entradas, na Casa da cultura e tamén na biblioteca.

Dumbría

«O galo Charlagalego» .18.00 • Sesión de contos e obradoiro infantil para nenos de 5 a 8 anos, na Casa da Cultura de Olveira: O galo Charlagalego e a coella Camelia.

Fisterra

Gala pola lingua. 19.00 horas • Da man de Culturactiva celebrarase esta tarde no salón de actos do Concello fisterrán unha Gala pola lingua. Fran Rei e Isabel Risco serán os encargados de presentala, e intervirá tamén o mago Teto, con As nosas letras. Ademais, tamén se poderá gozar da actuación musical de . Pode consultarse no correo culturafisterra@hotmail.com se aínda queda algunha praza libre.

<span lang= gl >Lembrando a Parga Pondal</span>. Imaxe do fundador de Titania, Isidro Parga Pondal -terceiro pola esquerda-, visitando as instalacións de Balarés.
Lembrando a Parga Pondal. Imaxe do fundador de Titania, Isidro Parga Pondal -terceiro pola esquerda-, visitando as instalacións de Balarés. arquivo instituto xeolóxico de laxe< / span>

Dúas citas antes do Dezasete no Couto

O Dezasete é o nome co que a Fundación Pondal, no Couto (Ponteceso), bautizou a celebración deste día das Letras Galegas, á espera das Festiletras, que serán en setembro. Hoxe mesmo, ás 13.15, coa presenza de Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura, coñecerase o programa desa xornada.

Antes do luns, no obstante, haberá outra cita especial ás 11.00, conmemorando o 30.º cabodano de Isidro Parga Pondal, os dez anos do documental Titania S. A. e os 50 dende que a finca de Balarés é propiedade da Deputación. Acudirán nenos e docentes das Aulas Científico-Tecnolóxicas, que levan precisamente o nome de Parga Pondal. Poderán participar nunha sesión de bateo de ilmenita con xeólogo Fran Canosa (Xeoparque de Ortegal), que ademais ten raíces na zona: avoa de Corme e avó de Fisterra. O actor Yago Espansandín escenificará a Parga Pondal e haberá a maiores unha serie de apuntamentos históricos co profesor Félix Neira. Neste encontro está prevista a representación da Cámara Mineira, a través de Juan José López, así como da propia Deputación, co responsable de Patrimonio, Xosé Luís Penas. Omar Rabuñal, director do documental Titania S. A. preparou para a ocasión un resumo dese traballo: quince minutos que dan conta da pegada que tivo este espazo na historia económica e familiar da comarca bergantiñá.