Rosalía Fernández Rial gaña o prestixioso festival aRi[t]mar

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

O poema A reflexión, incluído na obra Árbores no deserto, foi elixido como o mellor do 2020

11 may 2021 . Actualizado a las 22:03 h.

A obra Árbores no deserto (Galaxia, 2020) segue dándolle boas novas á súa autora, a carballesa-muxiá Rosalía Fernández Rial (1989). Un dos seus poemas, A reflexión, vén de ser elixido como o mellor poema de Galicia e Portugal do 2020 no prestixioso festival aRi[t]mar, galardón que, do lado portugués, recaeu na compositora Márcia. Neste 2021, aRi[t]mar chegou á súa sexta edición, con récord de participación, pois foron máis de 10.000 votos para poemas e cancións, as dúas modalidades que contempla a convocatoria. Esta votación popular foi en liña, aberta tanto ao público galego como ao portugués, superando de lonxe as cifras doutros anos.

«Unha declaración de intencións que marca a dirección deste libro, publicado na colección Dombate de Editorial Galaxia, que é un grito contra o esquecemento de mulleres que sentaron as bases do pensamento feminista actual. Mulleres fortes e valentes que alzaron e alzan a súa voz contra o machismo e que, hoxe, son referentes»: así dan conta na editorial Galaxia do que garda esta obra e tamén o poema vencedor, que comeza así: Detrás do espello, todas eramos a mesma muller... Sojourner Truth, Flora Tristán, Concepción Arenal, Rosalía de Castro, Emma Goldmann, Virginia Woolf, Clara Campoamor, María Zambrano, Simone de Beauvoir, Kate Millet ou Malala están presentes en Árbores no deserto. «Rosalía quixo rescatar, a través da súa escrita, as raíces das súas ideas que, agora, medran en nós, coma árbores no deserto. Coma árbore no deserto agroma, rizomática, a nosa arte, oasis de liberdade. A escritora emprega a poesía como unha arma ateigada de poder, rompendo todos os esquemas, na procura dun mundo mellor», recolle a editorial sobre esta artista multidisciplinar da Costa da Morte.