María José Mato: «Hai que mirar cara o turismo nacional e doméstico, o internacional está tocado»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Santy Rodriguez

«En calquera estratexia de planificación hai que ter en conta á poboación local», di a recentemente nomeada delegada territorial da Asociación Española de Profesionais do Turismo, a cabanesa María José Mato

11 may 2021 . Actualizado a las 22:40 h.

A cabanesa María José Mato Figueiras (37 anos) é dende hai unas semanas a nova delegada territorial da Asociación Española de Profesionais do Turismo. Graduada na materia pola Universidade da Coruña, continuou a súa formación cun posgrao en Protocolo, Comunicación e Imaxe Corporativa e cun mestrado en Planificación e Xestión de Destinos e novos Produtos Turísticos. Ten, ademais, unha Cátedra en Sustentabilidade e Innovación Social e dende hai case 15 anos exerce como técnica de turismo no Concello de Laxe.

-Como afronta este nomeamento?

-Con ilusión e ganas, sobre todo, porque con este nomeamento estase a crear unha delegación territorial en Galicia, que ata agora nunca existiu, e isto permíteme participar dun novo proxecto moi bonito e que agardemos que teña moito percorrido.

-Destacada esa nova apertura, que dará voz ás necesidades do turismo galego.

-Era importante ter voz fóra de aquí, pero tamén había unha necesidade de que os profesionais do sector se puidesen organizar. Si existían movementos asociativos para grupos moi concretos, pero non unha entidade que englobase esta masa tan importante de empregos: dende grandes empresarios a traballadores, pasando por autónomos deste sector ou empregados públicos teñen cabida nesta asociación.

-É tamén unha oportunidade para establecer conversas e sinerxias entre distintos ámbitos, máis aínda neste tempo tan difícil.

-Totalmente. Se algo demostrou o noso sector neste tempo tan convulso é que é un eixo estratéxico, non só como dinamizador económico, senón tamén social. Pero fálase pouco das persoas que traballan activamente no turismo, da súa relevancia, dos seus dereitos e das súas capacidades para desenvolver esta industria. Asociarnos permítenos non só iniciar conversas, senón tamén participar en iniciativas formativas e mellorar as nosas condicións individuais sen deixar de lado as nosas reivindicacións como colectivo, que expresaremos a través dunha voz única. Somos un eixo estratéxico, como dicía, dende a perspectiva do turismo internacional, nacional ou mesmo doméstico.

-Este último, de gran forza durante a pandemia.

-É o momento de volver a vista cara o turismo nacional e doméstico, xa que no que atinxe ao internacional estamos moi tocados ao estar o mercado moi supeditado á aceleración da vacinación. Un bo momento para aprender do lugar onde vivimos e para abrir fronteiras dunha maneira ordenada

-Que expectativas teñen de cara a esta campaña? Ou é imposible facer previsións?

-Dende logo non se pode planificar a longo prazo, porque non sabemos o que sucederá a un ou dos meses vista, tan sequera. A situación é imprevisible, pero vendo que as persoas teñen ganas de viaxar e de volver a esas rutinas de socialización, iso fainos ter unha perspectiva moi positiva.

-Cales diría que son os puntos fortes desta comarca como destino?

-No contexto actual, unha das nosas maiores vantaxes é a non masificación. Nesta liña, o turista busca, ademais da descentralización, o contacto co medio ambiente, cos espazos abertos e coa natureza. Co cal, o produto paisaxístico e a non masificación diría que son as nosas principais bazas.

-Teñen por Laxe, precisamente, un dos grandes expoñentes naturais de toda a zona, como son os Penedos de Pasarela e Traba.

-Totalmente, son unha paisaxe máxica que está aínda por descubrir. Na actualidade traballamos coordinadamente os concellos de Laxe e Vimianzo para promover un produto turístico no que temos total confianza. Estamos falando dunha ruta por un espazo aberto, totalmente sinalizada e preparada para facerse de maneira autónoma. Un atractivo máis nesta situación que estamos a vivir, pois estamos dándolle ao mercado precisamente o que demanda neste momento.

-Unha estratexia como que seguiu no seu día a Asociación Camiño dos Faros, promovendo as etapas para que, máis tarde, fosen camiñadas de xeito autónomo por individuos, parellas, familias... Sen necesidade de guías ou grandes grupos.

-É que as iniciativas e proxectos iniciados por parte da sociedade civil teñen moitísima importancia. Son axentes dinamizadores que poden funcionar extraordinariamente sempre que haxa unha coordinación co sector privado e a Administración.

-Como de importante é esa tripla colaboración?

-Pois calquera estratexia de planificación turística que se deseñe debería ter sempre en conta eses tres actores: poboación residente, empresariado e Administracións, ademais do propio consumidor, claro. Se un deses tres factores está descompensado verase reflectido no futuro.