Fundación Pondal e CEM procuran melloras no Esteiro do Anllóns

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

A proposta, en canto a ordenación da accesibilidade e sinalización, foi remitida xa a Medio Ambiente

11 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Fundación Eduardo Pondal e a Cooperativa de Educación Medioambiental (CEM) traballan en favor da ordenación da accesibilidade e da sinalización e información no esteiro do Anllóns, en Ponteceso. Tal e como xa se adiantara este sábado con motivo do Día das Aves Migratorias, CEM levou a cabo unha proposta de mellora para este espazo, documento que foi remitido pola fundación pondaliana á Consellería de Medio Ambiente da Xunta, para que valore a súa realización.

«O Esteiro do Anllóns é unha zona de grande importancia ambiental que forma parte da ZEC Costa da Morte e da ZEPA Costa da Morte (norte)», contempla a entidade. Un dos seus puntos de acceso principal é a través da pista do lugar de Currás, continuando a través dunha forestal ata o observatorio de aves instalado no seu día pola Xunta (ano 2011) e, dende aí, ata a duna móbil. Esta pista dá, por tanto, acceso motorizado (coches, motos, autocaravanas...) «a unha das áreas máis sensibles deste espazo natural protexido, pois é a forma máis doada de achegarse á praia da Barra, situada no extremo desta área». A maiores disto, a zona carece de paneis informativos que advirtan da importancia ambiental e das normas que se deben cumbrir neste espazo que forma parte da Rede Natura 2000 e que están recollidas no correspondente Plan Director. Haille que sumar a isto «o vandalismo» sobre os paneis situados ao pé do observatorio de Aves Eduardo Pondal, «xunto á falta de mantemento», o que, segundo traslada o colectivo CEM, dá unha certa impresión de «desleixo por parte da Administración».

El ornitólogo José Luís Rabuñal
El ornitólogo José Luís Rabuñal BASILIO BELLO

De cara a poñerlle fin a estas deficiencias e de cara a divulgar os valores do Esteiro do Anllóns, reducindo o tráfico rodado e potenciando o uso peonil da pista, o que se propoñen son pequenas actuacións «de escaso impacto ambiental», pero que poderían ter «unha elevada eficacia na consecución destes obxectivos». Dun lado, desincentivar o acceso en vehículos a motor pola pista de acceso despois da explanada do Xuncal mediante a habilitación de prazas de aparcamento habilitadas e sinalizadas. Isto habería de acompañarse dunha sinal de prohibición de circular en vehículos a motor, «agás os propietarios de predios». Doutro lado, propón CEM a recuperación dos paneis do observatorio e a instalación de outro sobre os valores ambientais e as normas do espazo natural. Tamén se propón instalar unha mesa paisaxística no Petón da Farola. Todas estas medidas sumarían arredor de 9.000 euros.