Arte italiano-carballesa tingue de púrpura a futura praza Xela Arias de Carballo

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

A artista Rakele Cavallo pinta estes días un mural no espazo que o Concello dedicará á protagonista das Letras Galegas 2021

10 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Arte urbana, literatura e feminismo danse a man na praza que o vindeiro domingo o Concello de Carballo inaugurará na honra da autora Xela Arias, homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas. O espazo, que pon o broche a un proxecto municipal no que se destacaron con placas violetas as rúas con nome de muller, está situado entre dous inmobles na zona do parque do Anllóns. Aínda que estreito, é un espazo de moito uso e aproveitado por moitos pícaros que baixan ata alí para xogar e divertirse.

Máis a conmemoración non remata coa dedicación da praza. O Concello quixo ir un paso máis aló, incluíndo unha vertente que ten xa un destacado peso na paisaxe urbana carballesa: a arte ao aire libre. Para iso contaron coa artista Rakele Cavallo, natural de Italia aínda que afincada en Sofán, que deseñou un mural con tres elementos destacados: a imaxe da propia Xela, os seus versos e a cor púrpura. Moito simbolismo nunha peza que, segundo confesa, estaba entusiasmada por facer nada máis recibir o encargo. «Entreguei o deseño enseguida porque xa o visualizaba», sostén Rakele, que agarda que a inestabilidade atmosférica dos vindeiros días lle dea un pequeno respiro para rematar os últimos detalles da obra. Estes días, mentres traballaba, espertou o interese de numerosos viandantes: «A arte urbana estase valorando cada vez máis. Se hai anos o proxecto dos murais [o Rexenera Fest e Derrubando Muros] non gustaba a algunha xente, agora todo o mundo quere que lle pinten o edificio: nótase que se valora e que hai conciencia de que a arte está atraendo xente a Carballo», relata a pintora.

BASILIO BELLO

Rakele, que non coñecía en profundidade a vida e obra de Xela Arias, sentiu unha «conexión» instantánea coa autora lucense tras indagar sobre a súa traxectoria. «Ademais, morreu moi nova e cunha idade similar á que eu teño agora. Son cousas que te fan reflexionar, pois ás veces pensas que tes todo o tempo do mundo para facer as cousas e resulta non ser así».

O espazo será inaugurado o vindeiro domingo, nun acto ao que se prevé que asista o que foi compañeiro da homenaxeada, Xulio Gil, e o seu fillo. «É moi emocionante saber que estarán alí e faime moitísima ilusión», sinala Cavallo.

Unha creadora en boa parte autodidacta que goza traballando cos máis pequenos

Rakele, de pai italiano e nai carballesa, veu para Galicia aos 17 anos. Máis tarde marchou para Barcelona acompañada da súa parella e, tras varios anos, decidiron volver para Sofán. Foi nese momento cando comezou a introducirse na pintura, un mundo que lle gustou dende pequena, pero que non explorou ata ben entrada a idade adulta. Estudou deseño gráfico, pero máis ben orientado ao mundo da publicidade: «Boa parte do que fago é autodidacta, fun aprendendo co paso do tempo. Sempre nos buscamos a vida e acabamos traballando doutras cousas porque non pensamos que poidamos chegar a vivir disto. Eu aínda non o fago, aínda que é certo que cada vez vou tendo máis encargos», relata.

Sobre todo, por parte de particulares e de colexios, un labor, este último, do que goza especialmente pois adora traballar cos cativos: «Son tremendamente agradecidos e con algo de cor xa están entusiasmados», di.

BASILIO BELLO

A cor, protagonista tamén noutras mensaxes de igualdade e diversidade

P. B. M.

«No Concello de Carballo defendemos o respecto e a non discriminación por motivos de diversidade sexual e de xénero, e por iso estamos a introducir nos espazos públicos elementos simbólicos como os renovados bancos do Parque do Anllóns», deu a coñecer o consistorio a finais de abril, con motivo do Día da Visiblidade Lésbica, unha xornada para reivindicar que «á marxe das súas preferencias sexuais, todas as mulleres deben ser respectadas, valoradas e poder gozar dos mesmos espazos na sociedade sen que exista cara elas ningún tipo de discriminación». Os cinco bancos multicor instalados no Parque do Anllóns lembrarán, todas as xornadas, e non só esa conmemorativa, que cómpre seguir loitando contra as desigualdades que xeran violencia, e a favor dunha diversidade enriquecedora. Usuarios de Aspaber foron os encargados de darlle esta nova cara aos elementos do mobiliario urbano, traballo, por certo, moi ben executado.

A praza para Xela Arias con ese mural púrpura que pinta Rakele Cavallo ou estes bancos son só unha parte das iniciativas municipais nos últimos tempos en pro da igualdade. Aí están as pracas renovadas das rúas con nome de muller, os colectores morados dedicados en torno ao 8M a Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal ou os grandes paneis multicor instalados nos distintos accesos ao municipio. Neles lese unha mensaxe clave: Carballo libre de violencias.