«Cando a sociedade sofre, quedan as cousas fundamentais, e a cultura éo»

Patricia Blanco
patricia blanco CARBALLLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

ENTREVISTA | Valentín García Gomez, secretario xeral de Política Lingüística | O sábado acudirá a Carballo para entregar os premios dos Contos de Primavera

09 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A pandemia obrigou a traballar en condicións especiais, mais Valentín García Gómez (Silleda, 1970), secretario xeral de Política Lingüística, prefire quedarse co positivo, co que o covid puxo de manifesto con respecto á cultura e co que tempo de maior normalidade que agora se vai abrir. Son datas especiais estas: achéganse as Letras Galegas, o 17.

-Por sorte houbo Concellos e entidades que non aproveitaron a escusa da pandemia para deixar de programar cultura, aínda que fose con moitas restricións.

-Certo. Perdéronse cousas polo camiño, pero non todo. Algúns sectores culturais, como o do libro, deunos gratas sorpresas, moveuse máis. Sufriu máis a música, o teatro, as artes escénicas en xeral, sen poder actuar, sobre todo no caso de formacións grandes.

-Este vindeiro sábado visitará a Costa da Morte para a entrega dos premios dos Contos de Primavera, promovidos por La Voz.

-Aí estarei, en principio. É ademais un certame que me encanta, que fai unha función moi boa.

-¿Potenciar a cultura e a creación pasa por este impulso tamén dende medios e entidades privadas, pola colaboración privado-público?

-Iso é importantísimo. Para min, a proba do nove de que o que estamos facendo as entidades públicas funciona. Isto é, que entidades privadas, motor da economía moitas veces, empresas e asociacións, se impliquen na vida cultural do país. A cultura non é só cousa das Administracións, senón que ten que formar parte das nosas vidas. Que se sinta como algo propio, substancial, como o lecer, o tempo libre ou o deporte. A cultura debe ter ese espazo no día a día e no tecido produtivo do país. O comercio ou a industria, por tanto, debe ter tamén unha capacidade de xerala.

JOSÉ MANUEL CASAL

-Que ensinou a pandemia?

-Deixounos unha lección boa. Durante o confinamento, nas casas adquiriron un papel fundamental o audiovisual, a música ou a literatura. Que sería de nós se nese tempo non puidésemos ver unha película, escoitar un disco, ler un libro ou consultar Internet? Viuse que, cando una sociedade sofre, cando a realidade nos aperta, quedan as cousas fundamentais: quedou a familia, quedou a solidariedade e quedou tamén a cultura, que é algo que está na raíz, na base. Dela non podemos dicir que está de máis. Non, a cultura é algo necesario. Temos que valorala, valorar o ter unha cultura e un idioma propios. No confinamento escribiuse moito.

-¿As novas xeracións son a clave?

-É o fundamental. Agora mesmo, é a materia pendente. Temos a punto proxectos ambiciosos para crear entornos de voz, para traballar a nosa lingua nas tecnoloxías, para estes novos tempos que van vir, para que o galego estea en igualdade con outras linguas no entorno dixital. Aí é onde está a xuventude, esa é a súa realidade, eles xa viven o mundo dixital dunha forma moio máis avanzada do que pode pensar xente coma min, con 50 e pico de anos, que se ben estamos nesas novas tecnoloxías, non o facemos ao mesmo nivel ca eles, que teñen aí o seu punto de encontro.

-Pois niso si queda por facer.

-Todo, todo. Iso, e o falar das máquinas, é algo que xa está aquí. Chegarás á casa e non meterás a chave, dirás «ábrete», e non prenderás a luz, dirás «acende a luz de aquí». E contestarán.

-Moito hai que traballar logo para que contesten en galego.

-Efectivamente, e haino que facer. Pero o galego ten que chegar aí ao mesmo tempo que o fará o castelán, o alemán ou o inglés.

«A Costa da Morte soubo atesourar e darlle vida hoxe ao noso idioma»

Bergantiños e a Costa da Morte son territorios de esperanza.

-Partimos aquí dunha situación privilexiada? Somos a resistencia?

-Sodes a zona, segundo os datos do IGE, onde máis galegofalantes hai con respecto á poboación. Tedes que estar satisfeitos de ter sabido atesourar, darlle vida hoxe e de cara ao futuro ao noso idioma. Á parte, é unha comarca con vitalidade, con dinamismo. As circunstancias son múltiples, pero esa zona dá para estar orgullosos e para facerllo sentir así ás familias, outro ámbito importante que se ve moito aí. Non só no caso dos galegofalantes, senón que incluso en familias que non falan moito galego, vese un proteccionismo cara o idioma. Percíbese aí a estima pola lingua, o valor que se lle dá como ben cultural, como produto identitario. Sería algo a extrapolar ao resto de Galicia e mesmo á xente que non vive na comunidade. Agora mesmo estamos traballando moito esa liña: transmitir que o galego é riqueza.

-Ata os científicos din que falar máis dunha lingua dá máis saúde.

-Unha sociedade, cantas máis linguas fala, máis avanzada é. A poliglosia, o plurilingüismo. Aquí partimos con dúas linguas moi interesantes, o castelán, unha das máis grandes do planeta, e o galego, que aínda por riba nos pón en relación coa lusofonía, con algunhas das economías máis emerxentes do momento. Galicia é unha rampa de saída a medio paso entre os hispanofalantes e os lusófonos, riqueza inmensa que non ten ninguén máis.

Os casos «insólitos» do Couto ou do Xesús San Luís Romero

Exemplo de dinamismo e do papel das novas xeracións son os premios de Política Lingüística que veñen gañando centros educativos da comarca, tal é o caso, recentemente, do Otero Pedrayo da Laracha ou do Xesús San Luís Romero carballés. Lembra ben o nome deste último Valentín García: «¡Cantos anos botamos dándolle o galardón das Letras a ese centro! É algo totalmente insólito». Ten moito significado, di.

-Terá oportunidade de pasar tamén este ano polo Couto, aínda que non haxa Festiletras en maio?

- [Ri]. Eu polo Couto vou sempre, haxa Letras ou non. Pero é o normal, con toda a actividade que teñen: O Couto é unha das grandes factorías de lingua e de cultura que hai en Galicia. É envexable todo o que se fai aí, nesa terra de Pondal. Pero non é só por selo, senón porque hai ao redor da Fundación todo un equipo que é un motor de ilusión tremendo.

-É secretario xeral de Política Lingüística dende o ano 2012, e fala coa ilusión dos primeros tempos.

-Sempre. Hai moito que facer no mundo da lingua, no que sempre traballei. Hai días de todo, cousas que saen e outras que non, pero hai que seguir: cada día é unha oportunidade, cada día seguimos avanzando, confiando no futuro do pobo galego e, como tal, tamén na súa cultura e lingua.