As aves migratorias inician o voo ao maio cultural pondaliano

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

«O Dezasete» será intenso, como o foi a mañá de onte, con Suso Cubeiro, Rabuñal e a Cooperativa CEM

10 may 2021 . Actualizado a las 17:54 h.

Hai marabillas da natureza, mesmo diminutas, ante as que o ser humano se queda pequeno. Bo exemplo diso é a píllara semipalmada, a Charadrius semiplamatus, o chorlitejo semipalmeado. Hai catro citas rexistradas na Península Ibérica e todas elas son do ornitólogo José Luís Rabuñal, a primeira no 1988. Tres, no esteiro do Anllóns e unha, en Traba de Laxe. Un debuxo desta pequena ave, obra do ilustrador Suso Cubeiro, foi o que onte lle entregou a este sabio a Fundación Eduardo Pondal pontecesá, da man do seu presidente, Lois García, e do xerente, Xosé María Varela.

BASILIO BELLO

BASILIO BELLO

O detalle, recibido con toda a humildade polo veterano ornitólogo, deulle pé a explicarlles aos rapaces das Aulas Isidro Parga Pondal onde e como vira a esta píllara, capaz de voar miles e miles de quilómetros.

BASILIO BELLO

Foi un bo colofón ao Día das Aves Migratorias, a actividade que na mañá de onte se levou a cabo en torno ao observatorio Eduardo Pondal, con Cubeiro, Rabuñal e tamén monitores da Cooperativa de Educación Medioambiental (CEM). Horas intensas, cun telescopio para a observación, unha xornada que incluso permitiu evocar o legado de Rodríguez de la Fuente. Ademais dun caderno de campo, CEM elaborará unha mellora de proposta deste espazo natural para presentar a Medio Ambiente.

BASILIO BELLO

Aí vén o maio, de frores cuberto

A proposta deste sábado inaugurou unha serie de actos polo Mes das Letras deseñados dende a Fundación Pondal: Aí vén o maio, de frores cuberto. Este vindeiro venres, coa presenza de Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura, presentarase O Dezasete, que é como a fundación denominou á celebración deste día, toda vez que as tradicionais Festiletras serán en setembro, levadas a ese tempo pola pandemia. O 17, pois, haberá pola mañá un percorrido polas placas de barro que identifican rúas e prazas do Couto, elaboradas en olería de Buño pola artesá Carmen Isabel Labrador. Soarán as gaitas de Inllar. Xa pola tarde, haberá notas de piano, cantará Irma Macías e nenos, mozos e maiores recitarán versos de Xela Arias, homenaxeada este ano polas Letras. Presentarase, ademais, o libro Poemas, de Fina Cousillas, do que tamén se lerán versos e do que haberá unha sinatura de exemplares. Quedará, a maiores, tempo para a danza, con Adrián Méndez e Paula Blanco, así como para a actuación de Clara Amado interpretando Tempestades de sal ou para a dos Farrapos. Antes, non obstante, aínda se lle entregarán os premios Literatas 2021 a Marta e María Barca, irmás integrantes do Seminario Galán: farao Susana López, secretaria xeral de Igualdade.

Este Dezasete pola tarde, no Couto, tamén Caamaño&Ameixeiras presentarán, con outros amigos artistas, o seu primeiro disco, Aire! Será gravado o concerto, unha actividade coa que colabora Secretaría Xeral de Política Lingüística e Concello de Ponteceso: será necesario abonar entrada, cuxo importe irá destinado ás medias sanitarias precisas: xel, acomodadores, control de entrada...

Vén intenso este 17 de maio, mais uns días antes, o 15, haberá outra parada previa: o trinta cabodano de Parga Pondal, os dez anos do documental Titania e os 50 dende que a finca de Balarés é propiedade provincial. O actor Yago Espasandín, o xeólogo Fran Canosa, o historiador Félix Neira ou o cineasta Omar Rabuñal estarán presentes. Haberá un agasallo para homes e mulleres que traballaron na mina.