Unha mostra de temática floral, da autoría de Santiago Garrido, inaugurouse este venres en Dombate
07 may 2021 . Actualizado a las 21:56 h.Fotografía contra o esquecemento. O Centro Arqueolóxico Dolmen de Dombate, en Cabana, acolleu este venres a inauguración da exposición Cores da terra, da autoría do xornalista zasense Santiago Garrido, subdelegado de La Voz en Carballo. Unha escolma de imaxes florais, pois moito que houbo que seleccionar, por cuestión de espazo. «Había centos, sobre un tema que non adoito facer moito, se ben é certo que sempre me gustou retratar o miúdo, o pequeno, as cousas que nos rodean e que ás veces pasan desapercibidas, tanto en nomes, como en sabores ou, neste caso, dende o punto de vista visual», explicou o autor da mostra. «Son flores que sempre nos acompañaron e que de repente vexo que nos imos esquecendo delas, de velas, de aprecialas... O Concello de Cabana tivo a ben solicitarme algunhas das que habitualmente comparto en redes, e aquí temos unha pequena parte onde se ve algo de todo: o que hai na leira, o que hai na silveira, o que hai no xardín da casa, o que pode nacer incluso no cemento, flores que mesmo non lle sabemos o nome, pero que nos acompañaron toda a vida. Recuperamos así un retallo da memoria», abundou Garrido.
Á estrea da exposición acudiu tamén o deputado provincial de Patrimonio, Xosé Luís Penas, quen incidiu na importancia de poñer en valor espazos como o megálito e na importancia de propostas coma esta: «O dolmen de Dombate é un elemento patrimonial inmenso para o noso país, pero moitas veces perdemos a perspectiva das cousas pequenas e cotiás. Perdémonos nas pedras, nunca mellor dito. A exposición de Santi Garrido é unha mostra importante porque te sitúa nesas cousas que a veces esquecemos ou non vemos, por leva r mirada no móbil, no ceo... En Cores da terra el aporta a súa ánima, o seu sentimento, máis alá da categoría das fotografías».
"É bo contar coa xente do territorio para dar a coñecer o que temos"
O alcalde de Cabana, José Muíño, incidiu en que o obxectivo común do Concello e a Deputación é esa posta en valor, indo da man dun coñecendo do entorno da bisbarra e de xente «con talento» que habita nela: «Contar coa xente que nos rodea. Igual que nas Aulas Científicas contamos cun veciño con talento, como é Jorge Mira, aquí contamos con Santi Garrido, outro veciño ademais de preto da miña parroquia, tamén con talento. É bo contar coa xente do territorio para dar a coñecer o que temos, ao final é o importante, é a impronta que queda: ao ser xente de preto sénteste identificado con ela. Esta exposición vén a ser iso. El ten a capacidade de facer unha foto de algo cotiá e envolvela nun texto que lle dá contido, para acabar reflectindo un sentimento Estamos moi contentos de telo aquí en Dombate». Hoxe e mañá pode visitarse de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00. É de balde.
Taller de teatro poético con Silvia Losada
Cores da terra é a primeira das iniciativas municipais en Cabana en torno ao 17 de maio, programación aglutinada baixo o lema de O que se canta, o que se fala, o que se sente no Mes das Letras. Este sábado, ás 17.00 horas, Silvia Losada impartirá un taller de teatro poético-xuvenil sobre a obra de Xela Arias. Será na Casa do Pendón, con rapaces de entre 10 e 16 anos.