«Sempre tiven esa ilusión de publicar narrativa, e aquí está este libro de relatos»

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Suso Bahamonde presentará mañá na Casa da Cultura de Corcubión a súa obra Instrucións para matar un oso

07 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«Son nove relatos. Nove historias sobre personaxes perdidos no tempo e no espazo. Mulleres e homes baleiros e tremendistas que deambulan en diferentes épocas e condicións sociais, sen atopar o seu propio lugar neste planeta. Atrapados en situacións, traballos e vidas que non pediron e das que non saben saír. Dominados pola sociedade e coa esperanza (perdida) de poder vivir á marxe desta, aínda que no seu intento lles custe a cordura ou incluso a vida». Así presenta o escritor Suso Bahamonde a obra Instrucións para matar un oso (Editorial Belagua). Con ela, este coruñés do 1978 afincado na Costa da Morte (é veciño de Cee) publica por vez primeira un libro de relatos. Exmembro do Batallón Literario Costa da Morte e do grupo poético musical The Inversos (voz e letras), fai un lixeiro xiro logo dunha longa traxectoria poética na que ten varias obras colectivas e tres individuais: Óxido nas flores da tarde, Expansión e Caída.

A primeira presentación presencial de Instrucións para matar un oso, baixo a organización da entidade Boca de Sapo, será mañá na Casa da Cultura de Corcubión (19.00 horas), onde estará acompañado por Alberte Momán (editor) e Álex López (poeta). Escenografía e decoración corren a cargo de Sole M. Vázquez e mesmo haberá uns viños e petiscos para os asistentes, con todas as medidas anticovid estipuladas e gardando as distancias pertinentes: «O espazo é grande». O luns, Bahamonde participará na Feira do Libro de Santiago de Compostela. Aínda que nunca se lanzara a publicar narrativa, sabían no círculo deste escritor que esa espiña estaba aí, esa ilusión. Chegou o tempo de levala adiante. As vendas, ademais, van indo bastante ben.

-E a poesía? Segue aí?

-Si. Escribir poesía é como unha necesidade, é algo vital, sae dunha época. Pero sempre me gustou moito a narrativa, e o cine. A narrativa permite desenvolver quizais algo máis ese estilo cinematográfico, ese aspecto da imaxe. Escribín un libro de relatos, déronme a oportunidade de publicalo e aí está, á venda dende o pasado 23.

-Caída, o seu último poemario, xa tiña un aquel de crueza. Estes relatos recollen algo do tempo de pandemia?

-Nada que ver con ela, todos eles son anteriores á pandemia, aínda que ao mellor ves neles algo, porque teñen un certo transfondo sobre o sistema capitalista.

-Hai máis pandemias ca o do covid-19, din moitos.

-Si, tamén o teño dito. Estou totalmente de acordo.

-Foi vostede membro do Batallón Literario da Costa da Morte: 25 anos cumpre.

-Non vexo á xente tanto como me gustaría, pero aínda así considero que foi un momento moi especial. Sei que hai algunha celebración, e se teño oportunidade, participarei. O Batallón non durou estes 25 anos, pero marcou moito aquel momento, foi unha explosión de creatividade. Agora, creo que teñen que ser as novas xeracións as que han de montar algo similar, parecido, ou ben diferente, que tamén.

-Publicar era entón máis difícil que agora? Había menos medios, pero na actualidade...

-Eu sempre digo que un editor de poesía é como un aventureiro. Coa poesía sabe que non vai gañar cartos, vende máis a narrativa, a novela. Naquela época era difícil publicar? Si. Hoxe hai máis editoriais, certo, pero publicar poesía segue sendo toda unha aventura.