Os nenos do Labarta Pose de Baio transforman o entorno do seu centro educativo

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

CEIP LABARTA POSE

Voz Natura | A rapazada plantou estes días unha horta nos exteriores do colexio: cada curso, unha hortaliza

06 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Leituga, cabaciñas, allo, porro, apio, pementos de Padrón, espinacas, acelgas.... Os nenos do CEIP Labarta Pose de Baio plantaron unha hortiña que, se todo sae ben, dará para o mes que vén uns alimentos que se servirán nun xantar no que participará tamén o profesorado. Senón, os pícaros levarán para as súas casas as hortalizas que coidarán e supervisarán nestas últimas semanas de curso académico.

Nesta iniciativa, encadrada no programa Voz Natura, participaron todos os niveis educativos, dende os de tres aniños ata sexto de primaria. Cada curso, unha variedade, e aparte, todos participaron na renovación da zona que teñen dedicada ás fresas. En total foron uns 160 nenos os que se implicaron no coidado e renovación do entorno do centro, iniciado xa coa construción dun patio inclusivo e coa plantación de especies arbóreas autóctonas na contorna.

«Os pequechos están moi emocionados sobre todo coas árbores, porque agora están en flor e son moi diferentes a cando as plantaron», sinalaron dende o centro educativo.

De xeito paralelo, desenvolven un proxecto a través do cal cada curso traballa cun espazo natural ou etnográfico do entorno: os Batáns do Mosquetín, As Torres do Allo, Pedra Vixía, a Carballeira de Baio... Fan saídas para ver in situ eses lugares e trabállanos nas aulas.

Mar de Fábula e nenos de Camelle limparon a praia

A asociación Mar de Fábula recibiu esta semana na súa sede a uns invitados moi especiais: os pícaros do CEIP de Camelle. Xuntos, limparon unha parte da praia durante unha hora, clasificaron os residuos e participaron, máis tarde, dunha charla informativa na sede da entidade.