Teatro e nomes de muller no programa ceense polas Letras Galegas

En Zas e Cabana arranca hoxe a programación cultural en torno a esta data


Carballo / La Voz

14 e 15 de maio • O Concello de Cee vén de presentar a súa programación cultural e divulgativa de cara ao festexo do Día das Letras Galegas, dedicado este ano á autora lucense Xela Arias (1962-2003).

Por unha banda, a Biblioteca Pública Municipal Francisco Mayán acollerá do 10 ao 28 de maio unha mostra sobre a figura, vida e obra da homenaxeada. Unha exposición que estará formada por diversos carteis informativos, editados por Política Lingüística, e por volumes do fondo bibliográfico do propio centro ceense.

Ademais, o departamento de Cultura do Concello programou tamén varias actividades a realizar no auditorio Baldomero Cores, da Casa da Cultura.

Arrancará esta programación o venres 14, ás 18.00 horas, coa posta en escena do espectáculo Senlleiras: as mulleres das Letras, protagonizado polo narrador e cómico Pedro Brandariz, que repasará vida e obra de Rosalía de Castro, Francisca Herrera, María Mariño, María Victoria Moreno e a propia Xela Arias: cinco mulleres con impronta propia na literatura galega.

Unha vez concluído o espectáculo entregaranse os premios dos concursos que cada ano convoca a biblioteca ceense: a trixésima edición do certame de Achegamento ao Libro e a vixésimo sétima para o deseño do marca páxinas que cada ano se distribúe por todo o Concello.

O sábado 15 recalará no auditorio Baldomero Cores a compañía Sarabela Teatro coa peza A lingua das bolboretas, recomendada para maiores de 12 anos e incorporada na Rede Galega de Teatros e Auditorios de Galicia. Representarase a partir das 20.30 horas e, dado que o aforo é limitado, é necesario reservar as entradas con antelación. Sairán á venda a 5 e a 3 euros no caso da tarifa bonificada, para pensionistas, desempregados e estudantes. A reserva de pases poderá facerse na propia Casa da Cultura, na biblioteca Francisco Mayán e, de quedar prazas, o propio día da función na billeteira (a partir das 19.30 horas).

Gonçalo Guerreiro dirixe á compañía ourensá nesta adaptación da novela orixinal de Manuel Rivas.

Un contacontos e obradoiro de ilustración para abrir as actividades no Concello de Zas

Hoxe • 18.00 horas • Centro Sociocultural de Baio • Sete actividades, ademais dun concurso de marcapáxinas, ten previstas o Concello de Zas para este Maio, mes das letras que arrancará hoxe cun contacontos e obradoiro teatral no Centro Sociocultural de Baio (18.00 horas). Xela Arias. Liberdade, solidariedade e amor pola lingua leva por título a actividade, na que é preciso anotarse previamente no caso de querer participar. Tódalas citas son de balde, mais para garantir a seguridade dos participantes é preciso facer reserva previa e, por suposto, portar máscara todo o tempo que duren.

A programación continuará cun contacontos teatral de Trinke Trinke Teatro, que poderá verse o día 11 no Centro Sociocultural de Zas e o 18, no de Baio. Pedro Brandariz incorporou ao municipio zasense na súa xira para ofrecer aos rapaces unha visión en feminino da literatura galega co espectáculo Senlleiras: o día 13 en Baio e o 20, en Zas.

Para o venres 21 hai programada unha función teatral para a rapazada do IES Maximino Romero de Lema, que gozará das Memorias dun nego labrego de Cándido Pazó; mentres que o 25 repetirase en Zas o obradoiro de ilustración que abre hoxe o programa.

Fotografía, cultura urbana, poesía e ata 2.000 euros en premios na proposta cabanesa para o seu Mes das Letras

Desde hoxe • O que se canta, o que se fala, o que se sinte no mes das Letras. Baixo este título tan poético aglutina o Concello de Cabana as diferentes actividades programadas en torno ao Día das Letras Galegas. Actividades que se prolongarán ata finais de mes e que arrancaron onte coa instalación, no dolmen de Dombate, da exposición fotográfica Cores da Terra, obra do xornalista Santiago Garrido.

Para o sábado 8, ás 17.00, hai programado un taller de teatro poético xuvenil, que impartirá Silvia Losada en torno á figura de Xela Arias. O domingo 9 a actividade trasladarase a Dombate (12.00), coa presentación musical do libro Xeometrías máxicas de Galicia. Os días 15, 16, 17 e 18 de maio, na Casa do Pendón, desenvolverase un campamento en torno á cultura urbana e, paralelamente, estará aberto tamén un concurso de cancións inéditas en galego que repartirá ata 2.000 euros en premios. O sábado 22 recalará tamén en Cabana Pedro Brandariz co espectáculo Senlleiras (18.00).

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags
Comentarios

Teatro e nomes de muller no programa ceense polas Letras Galegas