Gonzalo Trenor, delegado territorial da Xunta: «A Costa da Morte reflicte o que é Galicia en moitos sentidos»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

O representante autonómico reitera o compromiso do Executivo galego coa autovía e coa variante de Carballo

02 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Gonzalo Trenor (Ribadeo, 1977) é o delegado da Xunta na provincia dende setembro. Neste tempo visitou moitos dos 93 concellos da súa demarcación, con especial incidencia nos da Costa da Morte. No mes que acaba de rematar fixo numerosas visitas para anunciar obras e proxectos para a zona (ou xerais, pero con incidencia comarcal) que repasa nesta entrevista, que tamén recolleu Radio Voz Bergantiños.

-Vendo a súa axenda, esta zona é parada segura.

-Intento estar incluso máis. A Costa da Morte ten moito tamaño na provincia, e a ninguén se lle escapa a importancia que ten. Para a provincia coruñesa é fundamental. E a Costa da Morte reflicte un pouco o que é Galicia en moitos sentidos, tanto dende o punto de vista de patrimonio cultural como a morfoloxía, o ámbito rural, a parte industrial, e unha vida mariñeira que é fundamental, sen a que non entenderiamos como é a nosa provincia e a nosa identidade.

-Estes días debateuse no Parlamento a peaxe da AG-55, pola petición do PSOE de liberalizala. Vaise quitar a peaxe?

-Este debate é moi recorrente. Aquí tamén hai que pedirlle aos responsables políticos un pouco de coherencia e responsabilidade. Que o debate veña no mesmo momento en que se produce unha reclamación por parte do PSOE de poñer peaxes en todas as autovías que non teñen peaxes, cando menos parece un pouco incoherente. Custa explicarlle aos cidadáns que a mesma semana, o PSOE pida que se poñan peaxes nas que están libres, e ao mesmo tempo lle pida á Xunta que dedique recursos que agora se destinan a sanidade, educación ou dependencia, a compensar a unha concesionaria.

-A prolongación da autovía da Costa da Morte vaise facer, non? Leva xa moito tempo comprometida.

-Por suposto que se vai facer. Este Goberno fixo un esforzo grandísimo para facer a ampliación. E todo o que se puxo en marcha foi libre de peaxe, e esa é a intención, seguir avanzando cos proxectos e seguir ampliando esa autovía.

Ana Garcia

-En obras hai varias pendentes e importantes, dende a variante de Carballo a ampliación do polígono. Seguen na axenda?

-Claro. Gustaríanos ser máis veloces, pero son temas que están en proceso, por exemplo na redacción do proxecto na variante. Ata que se finalice non se pode facer nada. É un proxecto moi importante, de máis de 15 millóns de euros. O compromiso é absoluto, e iremos facendo según se vaian cumprindo os prazos administrativos.

-En canto á pandemia, agora estanse anunciando actuacións moi diversas para a reactivación, por exemplo, de medidas de apoio ao comercio. Cales son e como está a situación?

-Si, é un tema que hai que contextualizar. A pandemia vén por dúas fases, non separadas de todo. A primeira, dedicada a combater sanitariamente, con esforzos inxentes. Pero dende o primeiro momento tamén se empezou a deseñar ese abano de medidas para paliar ou o reducir impacto da pandemia nas familias, no tecido económico. Nese senso, temos xa dous plans de rescate de axudas directas, que nesta comarca tivo un impacto importante. No primeiro, case mil beneficiarios, con 1,6 millóns de euros, e que chegou nun tempo récord a autónomos e hostaleiros que se viran máis afectados. E á vez que se daban estas axudas directas, activáronse outras para reactivar aos sectores tamén prexudicados: turismo comercio, pemes... con intensa contracción de actividade. E tamén se activaron medidas de modernización e adaptación para mellorar a competividade das empresas, e aí están medidas sectoriais como bono comercial, o bono turístico, o de eficiencia enerxética (por exemplo para mellorar as terrazas), que tivo éxito nesta zona porque se acolleron a el máis de 50 bares e restaurantes, con 500.000 euros. Hai unha batería de axudas, tanto directas como para preparar a reactivación. E non son suficientes, por iso lle pedimos ao Goberno central que nos dea máis recursos para este terceiro plan. Os que se nos dan son menos que os que nos corresponderían, pero cremos que estas medidas permiten polo menos axudar.

Trenor participou no Foro Voz sobre hórreos
Trenor participou no Foro Voz sobre hórreos ANA GARCÍA

-Os fondos de recuperación que van vir de Europa, van chegar a comarcas como a Costa da Morte?

-Van chegar se se fai ben. Se aqueles proxectos que son mellores, que teñen un efecto tractor sobre a nosa economía poden levarse adiante. E para iso necesítanse uns criterios que sexan transparentes, obxectivos, e que as iniciativas que concorran sexan seleccionadas pola súa calidade técnica, financeira, as posibilidades de saír adiante, e non por criterios arbitrarios. Na Xunta pedimos que sexa así, que se poidan avaliar, e os mellores obteñan os recursos. Se isto é así, a Galicia vainos ir ben, e a esta comarca, tamén. Pero tamén os hai de carácter transversal, que afectan a varias comarcas, como o da viscosa de fibra téxtil, que ten unha repercusión moi importante. Ou a recuperación de terras agrarias, o mesmo. Aquí, moito. A modernización dos sectores marítimo, pesqueiro e agrario... Na Xunta, á marxe de proxectos individuais, cun proxectos de concorrencia e obxectivos claros, a Galicia vaille ir ben.

«Cambiou a sensibilidade con respecto á paisaxe nos últimos anos»

Trenor participou no Foro Voz sobre a importancia patrimonial do hórreos. E tamén ten visitado a zona recentemente para falar de medidas paliadoras do feísmo.

-Cales son?

-Isto vén dun cambio de sensibilidade con respecto ao coidado da paisaxe nos últimos anos. Dunha falta dela cara a paisaxe e o patrimonio, con anos de denuncia e de sensibilización, de convencer de que os aspectos paisaxísticos son importantes, pois froito diso houbo un incremento desa preocupación e das medidas que se toman para combatelo. Na lexislatura pasada aprobáronse varios documentos moi importante, un paso de xigante neste senso (guía de cores e materiais, e guía de integración paisaxística, que marcaba orientación), e na actual estamos a redondear este paraugas normativo e tamén medidas concretas para loitar contra iso. Xa se aprobaron as Directrices da Paisaxe, e estamos a traballar coas axudas directas que eliminen, ou permitan corrixir ou acabar obras, ou modificar algunha desas desfeitas ás que case nos tiñamos acostumado. Penso que o cambio nestes últimos decenios foi importantísimo. Antes pensabamos que era algo inherente ao galego. E non: temos gusto como en calquera outro sitio, só había que ser conscientes e actuar.