En primeira persoa | O valor do noso e a loita polos soños

María Luz Imia Rivera

CARBALLO

BASILIO BELLO

Escribe María Luz Imia Rivera | «Teño unha paixón. A miña terra, o que é noso, a miña cultura, as nosas costumes, a miña fala... Temos a tremenda sorte de ter unha cultura e unha fala nosa, que nos pertence, un patrimonio que a veces non valoramos... De todo iso, e despois de moitas conversas con uns e con outros (...), nace Alalá Terra e Sons S. L.»

02 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Un día, sen máis, escoito que me din: «Tes que facer un relato teu, un relato en primeira persoa». E como unha non acostuma a dicir que non, pois vale, fareino. Naquela resposta non era capaz de adiviñar que non é tan sinxelo escribir sobre un mesmo. Pero vouno intentar.... Antes de falar de min, falarei dos meus. Son filla e son nai. Nai traballadora, con xornadas a veces interminables.... Por todo isto, pois, teño que reivindicar o papel das avoas. Non coñezo outra forma de conciliación plena coa vida laboral, persoal e familiar se non me tivera asistido esa avoa que día a día mostra interese por todos nós e nos coida coma se fósemos todos raparigos pequenos, coma se realmente nunca medrases! Ben é certo que nai non hai mais ca unha!

Teño dous fillos, de dez e oito anos. Distintos? Coma o día e a noite... Son os meus nenos, os meus amores, os meus porqués, por quen vives e por quen morres, son quen te fan sorrir día a día e quen te fan perder os nervios tamén! Non son quen de pensar nunha vida sen os meus pequenos. Son eles, Sabela e Alonso.

Decembro do 1977, o día de Santa Lucía, marcou o meu nome. Cabana de Bergantiños é onde nacín e onde resido. En plena Costa da Morte e coa ría como bandeira. A praia do Curro foi e será sempre o meu recuncho favorito, unha pequena cala onde de nena, sempre que se podía, miña nai ou avoa acompañábame a pasar boa parte das tarde na praia e comer aquel marabilloso bocadillo! Anos fantásticos, anos sen volta. Anos de nenez, onde non había conexión a Internet, e eramos nenos felices. O paso pola escola do Pendón, a EXB, lémbroo como algo fantástico, rodeada duns mestres que deixaron pegada en min. Sempre agradecida a Xurxo Alfeirán por axudar a formarme, a asentar uns alicerces que logo me permitiron avanzar. Grazas, Xurxo!

BASILIO BELLO

Diplomada en Relacións Laborais, iso di o diploma, pero a realidade profesional é ben distinta. Si é certo que arranquei profesionalmente cunha asesoría laboral en Ponteceso, pero logo o destino levoume ó mundo da ensinanza: profesora de Fol (Formación e Orientación Laboral) nos diferentes Ciclos Formativos, por diversos institutos da comunidade, levando a cabo, por algúns anos, cargo directivo no instituto de Vimianzo. Grandes amigos que teño gardados no peto nesta etapa, compaxinando neses intres traballos de asesoría e labores bancarias na axencia do Banco Santander de Ponteceso. Épocas de traballo intenso. Foi en Abril do 2016 cando decido firmemente tomar a decisión de aparcar por uns anos a dedicación á ensinanza, a asesoría e centrarme no Axencia do Banco Santander. Recordo con agarimo que un xefe directo me advertía... «Luz, pénsao ben, pódeste equivocar». Pensado estaba! E de equivocarme, seguro que me vale como lección de vida!

Hoxe é o meu presente, ao que dedico a totalidade do meu tempo profesional. Somos un equipo de tres persoas que a diario atendemos a oficina que o Santander ten situada na localidade de Ponteceso. Traballo que me aporta novos retos, novas motivacións, onde as aprendizaxes son continuas e onde o aburrimento é case imposible! Gústame o que fago e a día de hoxe podo dicir con firmeza que non me equivoquei.

Con gran orgullo formo parte da Fundación Eduardo Pondal. No seu día, Xosé María Varela, xerente da entidade, comentoume a posibilidade de ser parte do padroado. Un soño feito realidade. A Fundación é un fervedoiro de aprendizaxes, de posibilidades, onde aprendín a valorar os esforzos, os esforzos de uns e doutros, onde aprendín que o colectivo sempre supera o individualismo. Onde os espazos serven para compartir inquedanzas entre nenos e maiores, onde ninguén sobra, onde todos suman. A Fundación, e no seu nome, Xosé María Varela, ensinoume que a perseveranza para conseguir o que queres é a primeira lei de vida.

Teño unha paixón. A miña terra, o que é noso, a miña cultura, as nosas costumes, a miña fala... Temos a tremenda sorte de ter unha cultura e unha fala nosa, que nos pertence, un patrimonio que a veces non valoramos... De todo iso, e despois de moitas conversas con uns e con outros, despois de compartir pensares e inquedanzas, de pensar con rabia que non valoramos o noso... naceu a empresa Alalá Terra e Sons S. L. Naceu en Cabana de Bergantiños.

Adxudicataria do Albergue de propia localidade. O seu obxecto social é o turismo, o turismo de realidades, coa filosofía de admirar o sinxelo, o goce do natural, a contemplación da beleza da nosa terra, escoitar, ver, sentir, vivir, rir, aprender e mergullarse nun turismo de realidades... Co obxectivo primordial de impacto cero no entorno urbano, ecolóxico e paisaxístico. Alalá quere en definitiva fomentar e manter o que xa temos. A comarca teno todo para conseguir os obxectivos de Alalá, só temos que esperar que a situación actual de covid-19 nos deixe avanzar. E quen sabe se Alalá romperá fronteiras e a súa filosofía chegará a outras comarcas da provincia!

Todos temos algo pendente, no meu caso... viaxar, gozar do tempo libre... Será máis adiante, cando as obrigacións laborais e persoais mo permitan.  Pois si, esta son eu. Sen máis artificios, inqueda, sempre con novos retos, novas motivacións, valorando día a día o noso, o que temos máis preto, querendo a quen me quere e loitando polos meus soños.