Os 25 anos do Batallón Literario Costa da Morte festexaranse na Rede

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O poeta Modesto Fraga coordina a iniciativa
O poeta Modesto Fraga coordina a iniciativa Jose Manuel Casal

O hotel Bela Fisterra promove unha iniciativa en colaboración cos autores que formaron parte daquel movemento

30 abr 2021 . Actualizado a las 17:30 h.

Un cuarto de século se cumpre neste mes de maio do Batallón Literario da Costa da Morte (1996), un punto de inflexión para a literatura desta comarca. Para celebrar esa efeméride, o hotel Bela Fisterra, baixo a coordinación do poeta Modesto Fraga, impulsa unha iniciativa na Rede, de xeito que, a partir deste luns, irá subindo ás súas redes sociais vídeos de autores que integraron o colectivo e doutros que participaron directa ou indirectamente daquel tempo de ilusión e fertilidade na creación literaria que fixo da Costa da Morte un referente na literatura galega. A proposta vén a dar continuidade á levada xa a cabo o ano pasado, Un vermú co Batallón Literario, que reuniu a unha ducia de escritores e escritoras para debater sobre a situación actual da literatura. Neste caso, serán os propios creadores os que compartan os seus pensamentos a través destes vídeos creados para a ocasión: a celebración estenderase todo o mes.

A iniciativa non só quere poñer en valor o traballo feito, senón animar a novas fornadas de autores a seguir, cal «feros corvos do Xallas», o legado de Pondal, Abente, Xervasio Paz ou Antón Zapata, mais tamén daqueles que hai 25 anos marcaron un tempo.