A literatura espallouse na Costa da Morte polo Día do Libro

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Marta Barcala, onte, en Vimianzo
Marta Barcala, onte, en Vimianzo Basilio Bello

Os agasallos de obras a lectores foron o xeito de celebración elixido por diversas bibliotecas da comarca. O CPI As Revoltas uniu solidariedade e literatura

24 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Costa da Morte non deixou pasar desapercibido este 23 de abril, Día do Libro. Celebráronse as actividades previstas e anunciadas e fóronse sumando outras en distintos puntos. O formato agasallo de obras impulsado dende a biblioteca Francisco Mayán de Cee ou na municipal de Ponteceso, tamén foi a que se empregou, por exemplo, en Fisterra. Dende a biblioteca Casa do Arco anunciaban a presenza no mercado para entregar un libro a todas as persoas que se achegasen para conmemorar a xornada, e así se fixo, mais tivo que ser a cuberto. Similar iniciativa se levou a cabo nas de A Laracha, Paiosaco e Caión, onde ademais dunha pequena exposición de obras tamén se agasallou un exemplar de Os Bolechas aos máis pequenos que acudiron.

Dende Carballo, a compañía Galeatro volveu compartir o seu bo facer coas bibliotecas e o Concello nun orixinal vídeo onde, se ben inicialmente parece que desapareceron todos os libros das baldas, ao final non é outra cousa que o feito de estar sendo lidos. Mensaxe feliz nunha xornada que non ten outro fin que estimular a lectura, facendo chegar o poder dos libros á maior cantidade de xente posible.

Elisa Franco Torres, no instituto de Baio
Elisa Franco Torres, no instituto de Baio

O saber é poder, e os libros fan aos seres máis libres. Libre como os paxaros era, precisamente, o título da obra que Teatro do Atlántico interpretou onte para alumnos do instituto Terra de Soneira de Vimianzo. Sobre o escenario, pensamento e textos de Rosalía de Castro, interpretados por María Barcala dentro da programación provincial en torno ao 23 de abril. Seguindo no ámbito escolar, o instituto baiés pechou onte a súa terceira edición do Mes do Libro, ao amparo da cal tamén conversaran o xoves con Elisa Franco Torres, profesora de Xeografía e Historia no centro. Falou con alumnos de cuarto da ESO e segundo de bacharelato do seu libro Pasaxes na memoria. Historia e testimonios dos represaliados políticos no concello de Sanxenxo (1936-1950).

«Ris-ras», hoxe, en A Laracha

Os ecos das actividades en torno ao Día do Libro seguirán unhas cantas xornadas. Hoxe mesmo, na Casa da Cultura da Laracha, os máis pequenos poderán gozar do espectáculo Ris Ras, de Baobab Teatro (18.00 horas). Está pensado para pequenos de entre un e oito anos e a entrada é de balde, ata completarse o aforo. Será a segunda proposta do Mes do Libro organizado polo Concello larachés, en colaboración coa Deputación. A última das citas terá lugar en Paiosaco: venres 30, a cargo de Charo Pita, con A familia Papaventos.

O CPI As Revoltas uniu a solidariedade e o Día do Libro

Non cesa na súa actividade o CPI As Revoltas de Cabana. Se hai uns días atrás eran uns Xogos Olímpicos ben particulares, nesta ocasión trasladan desde o centro a celebración do Día do Libro cunha campaña que denominaron Un libro, un alimento. Durante esta semana, a comunidade educativa levou ao colexio alimentos non perecedoiros, recollendo a cambio e levando para os fogares unha obra literaria de segunda man. «Con esta campaña, o profesorado quere facer énfase no valor da solidariedade e da cooperación», apuntan. Cruz Vermella recolleu onte mesmo os alimentos, moi contentos polo éxito da campaña. Dende As Revoltas anuncian, doutra banda, que para a semana participarán no proxecto Aprende co surfing: será na praia de Soesto. O martes, rapaces de quinto de primaria e, o xoves, alumnos de sexto curso.