Matilde García, directora da Universidade Sénior: «Temos a obriga de devolverlle aos maiores toda a súa xenerosidade»

f. rodríguez / p. blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

CESAR QUIAN

A terceira edición da Universidade Sénior na Costa da Morte xa ten todas as súas prazas cubertas, e mesmo lista de agarda

21 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

As comarcas das Pontes e da Costa da Morte acollerán en vindeiras xornadas unha nova edición da Universidade Sénior, programa formativo para maiores de 50 anos impulsado dende a Universidade da Coruña (UDC). No caso da Costa da Morte, Baio volverá ser a sede das sesións, este ano co título de Coñece o Camiño coa Universidade Sénior. Colabora o Concello de Zas e o GDR Costa da Morte. O prazo para anotarse conclúe mañá, día 22, mais xa non quedan prazas. Matilde García Sánchez, directora da Universidade Sénior, falou este martes en Radio Voz: «Encantadísimos de volver a esa costa», avanzou.

-Non puido ser no 2020.

-Quedamos ás portas. O estado de alarma activouse en marzo, un luns, e nós xusto remataramos a inscrición o venres anterior. Ata tiveramos feito un acto cos alumnos, pero nada.

-Se falamos de Universidade Sénior, podemos dicir que a vida si dá segundas oportunidades.

-Por suposto. E máis neste ano tan difícil. Intentamos dar esa segunda oportunidade xeral aos nosos alumnos matriculados, aínda que teña ser noutra edición. A nivel global, antes da pandemia, tiñamos na Universidade Sénior 989 alumnos, nas dúas sedes, Ferrol e A Coruña. A cousa viuse complicada, tivemos que pasar a unha modalidade diferente, a un programa semipresencial, pero aínda así quedamos con 440, cifra que está moi ben pensado nas cidades e na situación que estamos vivindo. Estamos encantados, porque rompemos cos estereotipos dos maiores: parece que eles son os que teñen menos competencias no ámbito da tecnoloxía, pero a súa resposta foi fantástica. Un resultado estupendo, pero non nos atrevemos a levalo neste formato ao rural. Queriamos ser máis cautos, esperar un tempo e volver de forma presencial cando se puidese.

-Sobreviviu esta iniciativa á pandemia: tenlle cariño a comarca.

-Sempre se acolle fenomenal, e nós tiñamos despois dese estado de alarma unha débeda, cos alumnos en xeral, pero sobre todo cos do rural. De feito, non perdemos o contacto con eles en ningún momento: puxemos en marcha unha plataforma de Wordpress e aí os alumnos da Costa da Morte, das Pontes ou de Betanzos seguiron un pouco todo o que se estaba facendo na Universidade Sénior. É máis, temos un grupo de fieis alumnos que sempre nos escriben preguntando cando volvemos. No primeiro día da inscrición tiñamos xa unha terceira parte dos participantes, e a día de hoxe están completos, porque a pandemia trouxo limitacións nese sentido. Había 35 prazas, por cuestións de aforo, e nestes intres xa van 39, a uns días do peche. Non obstante, quero incidir en que isto vai ser un aperitivo, e que xa temos aí a cuarta edición, que esperamos que poida ser xa coa estrutura que viñamos facendo. Neste 2021 serán só tres sesións, e sen as saídas que faciamos. Queremos poñer a mel nos beizos dos veciños, para que cando volvamos o próximo ano vaiamos con todas as expectativas. Que non se preocupen, que estamos aí.

"Queremos poñer a mel nos beizos dos veciños, para que cando volvamos o próximo ano vaiamos con todas as expectativas"

-Que supuxo para vostede desembarcar na Costa da Morte?

-Para min foi un reto, dende o comezo. Tiña esa espiñiña. Cando cheguei á Universidade Sénior, xa hai case cinco anos, parecíame que esta podía ofrecer cousas moi interesantes aos noso maiores. Non só aprendizaxe ao longo da vida, senón que falo desa acción social que ten a Universidade, axudándolles por exemplo a ser máis críticos coa sociedade na que se desenvolven. Perfecto, pero eu preguntábame que pasaba cos maiores que non estaban dentro das nosas sedes. Tamén había que chegar a eles. A veces por cuestións xeográficas, económicas ou simplemente de mobilidade, ese achegamento faise difícil, e entón foi cando se propuxo abrir as portas. Por iso é que falamos de democratización do coñecemento. Temos unha débeda coa nosa sociedade, cos nosos maiores, que traballaron duro, arreo. Temos a obriga, dalgunha maneira, de devolverlles toda a súa xenerosidade. Como? Coas ferramentas que temos: levarlles este programa, este coñecemento. É tan enriquecedor! Cada vez que vou á Costa da Morte, ás Pontes ou a Betanzos, coñezo as súas experiencias, o que aprenden os profesores... Eles están encantados: profesor que vai ao rural, profesor que di: «Matilde, conta con nós». Só teño gratitude: aos concellos, aos alcaldes e edís que apostaron por isto. Cada vez teño ganas de facer máis cousas e en máis sitios. Temos que chegar máis lonxe.

-Ano Xacobeo, e nós temos aquí Fisterra e Muxía. O tema tiña que ser o Camiño. Que agardan das tres palestras previstas?

-Moito. Neste século XXI, no que xa temos celebrado dous anos santos, temos aquí o terceiro, e pensei que sería un tema interesante para dedicarlle o programa, para que os participantes puidesen coñecer diversos aspectos desta manifestación de ámbito europeo. Dun xeito moi divulgativo, preténdese darlle un repaso aos principais aspectos: o mito, o redescubrimento medieval, o sepulcro... Historia, literatura arte, patrimonio... Para tratar todo iso acudirán tres expertos, tres docentes: Álvaro Maceiras, Xoán López Viñas e José Manuel Álvarez-Campana