La Voz convoca o concurso literario Contos de Primavera para secundaria

julián Fernández CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Imagen de los ganadores del 2019
Imagen de los ganadores del 2019 BASILIO BELLO

Patrocina Calvo e está dirixido ós alumnos dos centros da Costa da Morte

19 abr 2021 . Actualizado a las 22:58 h.

La Voz de Galicia e Radio Voz xa convocaron a cuarta edición do concurso literario Contos de Primavera, destinado a estudantes de ensino secundario obrigatorio dos centros escolares das comarcas de Bergantiños, Soneira, Fisterra e Cerceda. O certame volve de novo despois do parón do ano pasado a causa do confinamento por mor da pandemia do coronavirus. A multinacional Calvo, de Carballo, volve a ser de novo a patrocinadora deste acontecemento cultural.

Cada alumno pode participar cun relato, que debe ter unha extensión máxima de 2.000 caracteres. O tema elixido debe versar sobre aspectos paisaxísticos, históricos, etnográficos ou patrimoniais da Costa da Morte. Nas anteriores edicións, os estudantes amosaron un gran coñecemento dos lugares, as lendas, os costumes, as tradicións e os acontecementos do pasado deste grupo de comarcas que conforman o Fisterra galego.

Como xa pasou nas tres primeiras edicións, haberá premios para o gañador e os tres primeiros, así como diplomas para os dez mellor clasificados. Os traballos poden coordinalos os profesores ou tamén poden ser enviados de forma individual por parte dos alumnos. Os contos, debidamente identificados, deben ser enviados á delegación de La Voz de Galicia en Carballo, na rúa Gran Vía, número 84, primeiro, código postal 15.100 ou ben remitilos por correo eléctrico á dirección eventos.carballo@lavoz.es. A data límite para a presentación é o vindeiro 30 de abril.

A entrega dos premios da anterior edición tivo lugar o 11 de maio do 2019 nas instalacións do Grupo Calvo en Carballo, en concreto, na aula de formación da factoría bergantiñá. Aquel día recibía o recoñecemento como gañador un estudante da EFA Fonteboa de Coristanco. Naquel acto, mozos do Conservatorio Profesional de Música de Carballo interpretaron varias pezas.

O presidente da Fundación Luís Calvo Sanz, Luciano Calvo Pumpido, deu de novo o seu apoio a esta iniciativa como vén facendo dende a primeira edición. Ao mesmo tempo, o director de Política Lingüística, Valentín García; o presidente da Deputación, Valentín González, e varios alcaldes adoitan amosar a súa colaboración participando no acto de entrega dos galardóns.