«Galicia Calidade certifica a 140 empresas e a uns 600 produtos»

María Meizoso CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

GALICIA CALIDADE

O peso do sector agroalimentario mantense, pero gañan forza outros como o dos servizos e o das plantas

12 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Á hora de describir os valores que representan á marca Galicia Calidade, o seu xerente -Alfonso Cabaleiro- asegura que está «popularizada». Pero non só iso. Tamén subliña que «ten unha ampla aplicación» e que é unha etiqueta «de garantía». En definitiva, Cabaleiro resume a esencia do selo indicando que certifica «unha orixe que é Galicia e un concepto como é o de calidade. En calquera soporte publicitario que vemos sempre se busca iso e nós, nun lema moi curto como é o noso, temos esas dúas ideas».

-Cal foi a orixe da iniciativa?

-Esta iniciativa empezou hai 25 anos e foi unha marca, desde o primeiro momento, multisectorial. Así, naqueles intres xa estaban algunhas das empresas que aínda se manteñen como Coren ou Hijos de Rivera. A orixe de todo radica en que, nesa época, a forza estaba en Cataluña coas Olimpiadas e en Andalucía coa Expo de Sevilla. Aquí en Galicia xurdiron dúas ideas moi boas que aínda están aí. Unha foi a do Xacobeo e outra foi Galicia Calidade. No noso caso, o maior peso foi o do sector agroalimentario.

-Neste momento, cantas empresas e produtos están ligadas a este certificado?

-Podemos estar falando dunhas 140 empresas e duns 600 produtos. Galicia Calidade o que certifica son produtos e servizos. No primeiro grupo, hai que ter en conta que hai uns catro anos incorporarmos o sector turístico, fundamentalmente centrado en restaurantes, hoteis e casas de turismo rural. Por iso falamos de servizos. O resto son produtos do campo e do mar que van desde as patacas ao viño. Aínda que tamén hai outros sectores que se foron incorporando como as plantas ornamentais ou as tellas.

-Que factores analizan para outorgar a certificación?

-Cando existe xa unha regulamentación desde o punto de vista institucional, a primeira condición é ter ese selo. Por exemplo, no mundo do viño, a denominación de orixe. Para estar en Galicia Calidade hai que ter esa etiqueta. Onde non existe facemos unha regulamentación propia. É o que pasou por exemplo co mundo das plantas. Tamén, ás veces, co sector. Isto deuse no campo da xeotermia e da biomasa, nas que creamos os requisitos. E, nalgunhas ocasións, a decisión tómana organismos independentes.

«Estamos ante unha das cinco mellores marcas da historia de España»  

A priori poderíase pensar que as certificacións de Galicia Calidade tamén quedaron en suspenso a causa da pandemia. Pero, tal e como, indica Cabaleiro non foi así: «Temos que recoñecer que para nós foi toda unha sorpresa porque tivemos unhas 10 incorporacións. Estamos falando de grandes empresas como Viña Costeira, unha das grandes cooperativas vitivinícolas de Galicia, Leyma, a adega Granbazán e os iogures de Larsa». En definitiva, subliña, «chegaron grandes incorporacións en época de pandemia, cando criamos que ía a ser un ano terrible neste sentido».

-Onde si o notaron foi no ámbito das auditorías

-Nese campo si afectou. Nós facemos auditorías anuais a todas as empresas que teñen produtos certificados e todo isto veuse alterado. Tivemos que recorrer á vía telemática, houbo que extremar todas as medidas para favorecer a hixiene e a seguridade alimentaria, ademais da protección para as propias persoas.

-A marca goza de boa saúde máis de dúas décadas despois. Onde radica o seu éxito?

-Dsde o punto de vista do márketing, estamos ante unha das cinco mellores marcas na historia da publicidade de España. Hai que subliñar que non se deteriorou nestes 25 anos e que é popular. Non só se aplica á certificación senón tamén a todo o que un galego considera que é bo.