Flores na estrada


Na Costa da Morte, esta semana foi extremadamente negra. Todas as mortes en accidentes de tráfico son tráxicas e repentinas, pero se falamos dunha persoa nova, que pronto ía ser pai, engádelle moitísima máis tristeza ao suceso. Eu creo que cando ocorren estas cousas a todos nos veñen á cabeza outras intrahistorias, os recordos doutros mozos e mozas que morreron de maneira repentina, deixando un rastro de familiares, amigos e veciños autenticamente desfeitos pola dor. Un mestre meu dicía que todos somos cerdeiras que dende a infancia máis feliz e temperá comezamos a florecer e a medrar, coa eiva inequívoca de que moitas veces algunhas flores caen cos primeiros ventos, sen teren tempo para chegar a froito. Coido que esa é a desgraza de morrer de novos e non chegar a vellos. Non hai mellor metáfora. En todas as quintas coñécemos alguén que quedou polo camiño e imaxinamos, hoxe en día, como lle transformaría o rostro o tempo e os anos.

Asemade, con estas noticias, sentímonos culpables, eu mesma, que mil veces ando a mil. Moitas veces sen despegar o pé do acelerador, podendo ser eu calquera día a protagonista directa ou indirecta dun accidente de tráfico. Cantas veces as nosas nais nos din que vaiamos con coidado e parécenos unha frase banal. Ou cantas veces nós imos ben e outra persoa, a través dos seus erros, quítanos o dereito máis irrefutable que temos: a vida mesma.

Nun accidente de tráfico falece moita xente. Aquel que perde a vida no sentido literal e aquelas persoas que sempre estarán ligadas a un punto negro na estrada, ás veces sinalizado e repleto de flores frescas que representan o amor perpetuo que non se esquece, pasen lustros, decenios ou mesmo séculos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Flores na estrada