In memoriam a Antonio Castro Lema: Setenta anos dedicados á Semana Santa de Laxe

Antía Martínez Castro

CARBALLO

O exalcalde Antonio Castro, no centro da imaxe (con gafas), durante unha procesión polas rúas de Laxe no ano 2014
O exalcalde Antonio Castro, no centro da imaxe (con gafas), durante unha procesión polas rúas de Laxe no ano 2014 FAMILIA CASTRO

01 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Sendo moi xoven, adolescente, xa se encargaba, xunto con Pepe da Ferreira (José Charlín) da recolecta de fondos para os actos da Semana Santa laxense. Antonio apuntaba as aportacións nunha libreta e Pepe levaba unha saqueta para as donacións dos veciños. Non deixaban un recuncho do pobo sen andar, acudindo incluso as aldeas onde recibían donativos en especie, maiormente, segundo el lembraba, millo.

Coa chegada de Son Feliciano, que foi párroco durante 35 anos no pobo, propuxéronlle facer uns sobres para repartir pola parroquia onde os veciños entregarían as súas achegas á Igrexa, método que se conserva aínda nos nosos días..

A xoia tradicional da Semana Santa de Laxe, por ser característica e única en toda España, segundo indicaba o propio Toñico, é o Rosario da Boa Morte, no cal participou activamente dende a súa nenez, sendo o portador do rosario durante estes últimos 35 anos (dende 1985 aproximadamente). Esta procesión é unha tradición moi lonxeva, o mesmo Antonio comentaba que «toda a xente do pobo, incluso xente da miña idade, di que seus pais e avós xa a facían», e ademais é tan especial polo «fervor do sentimento que o pobo leva dentro» como ben indicaba Toñico nunha entrevista polo ano 1993 en calidade de Alcalde do pobo. Nesta mesma entrevista explicaba que dende a antigüidade, na procesión «os homes van diante e as mulleres detrás» porque cantan estrofas distintas e se escoitan mellor os tons de voz, «a cruz co sudario vai no medio, xunto co farol, o rosario e a bandexa dos cravos».

O Rosario da Boa Morte sempre foi unha procesión do pobo, que invadía as rúas na escuridade da noite, pasadas as 23 horas, só coa luz das velas prendidas nas fiestras das casas e dun farol ao lado do portador do rosario para que non se equivoque.

Antigamente, nesta procesión non participaban os párrocos, foi con don Feliciano cando a Igrexa comezou a ter representación no acto, primeiramente coma un veciño máis, e logo integrándoa como unha procesión máis da igrexa aínda que segue a ser o pobo o único protagonista na mesma.

Tamén con don Feliciano se unificaron o Santo Enterro e o Rosario da Boa Morte nunha única procesión, xa que un ano tivo unha avalancha de confesións e ao quedar sen tempo para ámbolos dous actos, realizáronse o Santo Enterro (onde saía orixinalmente o sepulcro) e o Rosario xuntos, permanecendo así dende entón ata hoxe que segue saíndo o sepulcro na procesión do Rosario da Boa Morte.

Mais a Semana Santa, como indicaba Toñico, «non é só o Rosario, os venres os homes levántanse as seis da mañá e cantan a Pasión de Cristo en verso», unha tradición na que participaba «moi bonita e que non hai que perder», como os versos adicados á Virxe dos Dolores que se cantan o Xoves e o Venres Santo.

Incluía tamén como actos importantes o Sábado de Gloria e do Domingo de Resurrección, memorando o retablo de pedra que se atopa na Igrexa e que representa a Resurrección de Cristo como a maior xoia que posúe o templo relixioso de Laxe e que quedou descuberta no ano 1955 tras unha chispa que incendiou e desbaratou o altar, deixando as 5 láminas de pedra á luz.

Antonio Castro vivía todos estes actos coa maior intensidade porque estaba namorado da Semana Santa de Laxe.