Intensa Primavera 2021 coa Fundación Pondal: así veñen os vindeiros meses 

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A programación concéntrase en tres grandes bloques: Espazo Educar, Casa da Muller, Ribeiras do Anllóns e O Dezasete

21 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O que queda de marzo, abril e maio serán meses moi intensos da man da Fundación Eduardo Pondal, no Couto, en Ponteceso. Actividades inxeridas en moi diversas disciplinas e tamén para públicos diversos, facendo aldea, facendo país. Dende a entidade organizadora informan de catro grandes bloques nesta Primavera 2021 e agradecen a patrocinadores e divulgadores pola colaboración prestada.

Fototrampeo, matemáticas e robótica 

A través do Espazo Educar, a Fundación Pondal impulsa para esta primavera tres propostas clave:

Fototrampeo. Sábado, 27 de marzo. Será levada a cabo esta actividade dentro das Aulas Científico-Tecnoloxías Isidro Parga Pondal. É un bo momento para estudar a sobredimensionada poboación de xabarís e os estragos que causa nas leiras do rural. A grandes trazos, a técnica do fototrampeo consiste na instalación de cámaras que se activan cando pasa algún tipo de fauna por diante delas, incluso de noite, por dispor de flashes.

Primeira Feira Matemática, do 29 de marzo ao 3 de abril. Actividades de 11.00 a 13.30 horas, en oito espazos da Fundación, con prazas limitadas (48): serán ocupadas por alumnado de infantil, primaria, secundaria e bacharelato. Das sesións encargarse o equipo formador de Crecer Creando, un proxecto impulsado por Ana Rodríguez: aprender xogando, gozar pensando, e todo de forma inclusiva e integradora. Apoiarán monitores voluntarios. Consulta de prazas: fundacioneduardopondal@gmail.com.

Robótica. Arrincará o 10 de abril, Día Mundial da Ciencia e da Tecnoloxía, unha proposta a cargo do formador bergantiñán Gerardo Reino Bértoa, co apoio da empresa All-net. Iniciativa dirixida a nenos de 4 a 8 anos coa que se consegue pechar o ciclo formativo de infantil a bacharelato referido a ciencia e tecnoloxía.

Dous Foro Voz nas Ribeiras do Anllóns

Ribeiras do Anllóns, unha proposta baseada no patrimonio e na paisaxe, xorde da preocupación da Fundación Eduardo Pondal polo desenvolvemento económico do territorio local. En colaboración con La Voz de Galicia, Radio Voz e a Xunta, serán dúas citas clave as que haberá sobre esta temática. Colectivo Xeoclip e empresa turística Volta Montana tamén participan nesta proposta informativa para os axentes inmersos no proxecto:

Foro Voz Hórreos, ¿patrimonio da humanidade?, o 17 de abril. Xornada de reflexión en torno ao valor patrimonial, etnográfico, arquitectónico, cultural e social dos hórreos como posibles bens susceptibles de ser declarados patrimonio da humanidade. Mostra salientable de arquitectura agraria, son un elemento característico do mundo rural, orgullo de xeracións. Inaugurarase esta xornada con representación da Consellería de Medio Rural.

José Manuel Casal

Foro Voz Paisaxe Pondaliana, o 24 de abril. Como tesouro que é, este 2021 deberá ser o ano da paisaxe, da boa xestión do entorno, o comezo dunha nova visión e doutra forma de involucrarse co que nos rodea. Será este un percorrido teórico e práctico pola paisaxe pondaliana, inaugurado por un representante da Consellería de Medio Ambiente. Haberá turismo, literatura, ornitoloxía, xeoloxía...

Artesanía e poesía: Casa da Muller

Casa da Muller é outra das exitosas iniciativas da fundación pontecesá. Ao seu abeiro haberá varias actividades de divulgación. Un avance:

Días Europeos da Artesanía, en abril. Co apoio da Fundación Artesanía de Galicia, haberá no Couto diversos obradoiros. Un deles, o venres 9, de gyotaku, método tradicional artístico xaponés que consiste na impresión dun obxecto: peixes, concretamente. O sábado 10, no entanto, crearanse cianotipias: procedemento fotográfico no que empregando papel de acuarela e un produto químico sensible á luz, se expón ao sol usando negativos de fotografía e obtendo finalmente unha imaxe en azul prusian. Para o domingo 11 quedará o taller papel marmolado: os participantes acadarán orixinais formas mediante unha técnica gráfica que consiste en colorear unha folla de papel poñéndoa en contacto con pingmentos non solubles que flotan na auga. Estes tres obradoiros serán impartidos por María José Martínez e J. Antonio Carrera.

Publicación do libro “Poemas”, 17 de maio. Da Casa da Muller e dentro do programa Saberes de Muller xorde a proposta de publicación do libro Poemas, da autoría de Fina Cousillas Baña. Medra, deste xeito, o número de publicacións referido a poetas populares da comarca. A presentación desta nova obra será o 17 de maio, apoiada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Un día ben simbólico, por tanto, o de homenaxe ás Letras Galegas.

O Dezasete, un petisco cultural 

A situación actual de pandemia levou á fundación pondaliana a aprazar, como xa fixo no 2020, unha nova edición das Festiletras. Será, como ocorreu o ano pasado, no mes de setembro. Mais o 17 de maio, Día das Letras Galegas, non quere deixarse esquecido, así que se preparou un petisco cultural co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística:

Letras de barro. Pola mañá, colocación de placas pola Aldea do Couto, coa denominación dos diferentes rueiros. Acompaña Inllar.

Libros. Mostra e venda de libros en galego: A Tenda dos Libros.

Literatas. Entrega dun recoñecemento anual ao traballo polas letras. Farase público en breve.

Poesía. Recital cívico tomando como base poemas de Xela Arias, a persoa homenaxeada este ano 2021 polas Letras Galegas.

Concerto de Caamaño&Ameixeiras e amigos. Peche musical para esta xornada conmemorativa. Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras, o dúo Caamaño&Ameixeiras, presentarán o seu primeiro traballo discográfico, titulado Aire! Téñenas definido como un sopro de aire fresco dentro do panorama musical galego. Músicas de inspiración diversa, músicas do mundo e, sobre todo, goce e boa enerxía. Suman quilómetros e actuacións dende que se uniron no 2018. Chegarán ao Couto con outros artistas.