Concha Blanco, autora do ano para a Asociación de Escritores en Lingua Galega

M. López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCÍA

A entidade outórgalle o galardón Escritora na súa Terra. Recibirá unha homenaxe en Cee no mes de xuño

15 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) acordou recoñecer este ano á autora ceense Concha Blanco co galardón de «Escritora na súa Terra». A decisión foi tomada na última asemblea xeral de socios celebrada estes días na Coruña, na cal se decidiu que sexa Blanco a homenaxeada na vixésimo sétima edición desde galardón.

Este recoñecemento será outorgado no mes de xuño no seu concello natal, en Cee, onde a corporación municipal decidiu xa no último pleno e por unanimidade dedicar unha praza á autora. Na sesión destacouse a súa dilatada traxectoria tanto na docencia como na literatura, así como o seu enorme «compromiso co Concello de Cee».

Durante o acto, que previsiblemente se celebrará o 12 de xuño, inaugurarase o espazo dedicado á autora, que non é outro que a zona verde situada na parte posterior do mercado municipal. Tamén se lle fará entrega dun galardón, descubrirase un monólito conmemorativo e plantarase unha árbore que a propia Concha Blanco decidirá.

Amplamente premiada por todo o territorio galego, parecía faltarlle á literata e patroa da Fundación Eduardo Pondal o recoñecemento definitivo do que sempre foi o seu fogar e onde formou a varias xeracións de rapaces. Nacida en Lires, Concha fixo o bacharelato en Ferrol para despois formarse en Maxisterio en Santiago de Compostela. Deu clase en diferentes centros -como o Eugenio López ou o Agra de Raíces- publicou ducias de libros, foi corresponsal de La Voz e é autora de varios libros de texto.