É precisamente esa ecuación de morriña e Heimweh a que me explica o que levaba toda a miña infancia intentando comprender. Ata a adolescencia estiven nun ser e non ser, entre esa metáfora da illa e todo o mundo rural galego que a rodeaba. Esa dualidade fixo comprensible que me persiga estando na miña terra natal a morriña pola costa galega, e estando aquí na terra na que me criei, Galicia, o Heimweh pola terra dos meus antepasados.
Hai uns anos, vivindo en Berlín e dende o meu barrio de Neukölln, comecei a ver de novo as tempadas de Mareas Vivas mentres me caía unha pequena bágoa. Agora, de volta en Galicia, non fago máis que escoitar o deutschlandfunkkultur (cadea de radio sobre cultura emitida dende Berlín). É doado superar as fronteiras viaxando entre linguas.