José Manuel Pequeño: «Temos que ter claro que o Camiño é o noso gran potencial»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

O rexedor dumbriés e presidente da Asociación de Concellos do Camiño de Fisterra e Muxía destaca a importancia de recuperar o patrimonio inmaterial

28 feb 2021 . Actualizado a las 20:41 h.

O alcalde dumbriés José Manuel Pequeño vén de ser elixido presidente da recentemente constituída Asociación de Concellos do Camiño de Fisterra e Muxía, que polo de agora agrupa aos municipios de Santiago, Ames, Negreira, Dumbría, Cee, Corcubión e Fisterra. «Temos que estar todos a unha para revitalizar ao sector nesta situación tan complicada», indica o presidente, que fai unha análise do panorama actual.

-Por desgraza, este ano Xacobeo arrancou sen presenza de camiñantes pola comarca.

-O valor do Camiño é o peregrino, e sen eles non hai Camiño. Son un elemento imprescindible, igual que unha boa infraestrutura de albergues. Digo albergues, pero en realidade son máis partidario de utilizar a palabra antiga, hospitais, porque creo que son lugares nos que os peregrinos tamén van para recuperarse, física e mentalmente.

-Ten incidido en que un peregrino non é un turista.

-O peregrino non vén a facer sendeirismo: hai cuestións de fe, de emocións, de busca da realización persoal, de exploración do patrimonio e da historia... Se non temos isto claro, non estamos entendendo o que é o Camiño. Temos que renovalo e recuperar o seu patrimonio material e inmaterial, como o que estamos a facer en Dumbría co Vákner: esas lendas e historias aportan un gran valor ao itinerario.

Os concellos debemos ser imaxinativos, aproveitar as fortalezas da Costa da Morte e crear novos métodos de traballo. Isto ten que sumarse ás accións físicas, pero eu creo que a xente, hoxe en día, móvese moitísimo polas lendas e nós temos unha gran riqueza neste sentido. Só hai que ver como está funcionando o Vákner, algo que para min é un proxecto de comarca, non só para un Concello determinado.

-O Camiño é algo vivo que foi cambiando co paso dos séculos.

-Máis aló do aspecto relixioso, o que ten o itinerario a Fisterra é ese camiño das estrelas, do Arasolis, da fin do mundo... É unha lenda xa moi anterior a todo isto. O que temos que facer os concellos é darlle forma e darlle forza, buscar a maneira de mantelo vivo e darlle a importancia que ten.

-É un recurso que, canto menos antes da chegada do covid, estaba en auxe.

-Totalmente. Por poñer de exemplo as cifras das que dispoñemos en Dumbría: pasamos de ter 40 camas só nun albergue público a ter 300 entre establecementos privados e o público, as pernoctacións subiron un 68 % en 5 anos e a actividade no Punto de Información ao Peregrino aumentou nun 70 %. Creo que son cifras reveladoras do gran auxe que está tendo o Camiño.

-Xa enumeramos as fortalezas, pero cales cre que son as debilidades que deben abordarse?

-O primeiro é a seguridade sanitaria, debemos ser moi rigorosos no cumprimento das medidas os que vivimos ao longo do Camiño e prestamos os servizos correspondentes. Se somos capaces de transmitir esa seguridade, máxime en Ano Santo, podemos intentar recuperar o itinerario. Hai outros aspectos, como a hospitalidade, cos que gañamos moito. Polo menos agora, que xa empezamos a ter claro que o Camiño é o noso potencial.

-Antes da chegada da pandemia tería as expectativas moi altas de cara a este Xacobeo 2021.

-Só hai que ver a aposta que, por exemplo, fixemos en Dumbría co Vákner xa dende o 2019. O simposio, o tema que dedicou Luar na Lubre no seu disco, a presenza en Fitur... Seguimos traballando neste sentido porque -tal e como dicía naquelas xornadas- do mesmo xeito que esa primeira Volta Ciclista no 2012 nos puxo un pouquiño máis no mapa á Costa da Morte, o Vákner será tanto ou máis forte. Veu para quedar porque é historia.

-A divulgación a través das industrias culturais é un bo gancho.

-Sen dúbida. Por que houbo no seu momento tantos visitantes de Brasil? Polo libro de Paulo Coelho. Por que tantos peregrinos de Estados Unidos? Pola famosa película The Way. Traballando neste sentido podemos promover enormemente o Camiño. Nestes momentos a principal debilidade é a que falamos antes, a seguridade sanitaria. Agora ben, comentábanme hai uns días dende a Oficina do Peregrino de Santiago que está habendo moitísima demanda para facer a peregrinaxe. Primeiro terá que vir a normalidade e despois será cando teñamos que traballar todos a unha.

«A esencia do Camiño é a fin do mundo, e a fin do mundo é Fisterra»

Pequeño insiste na necesidade de ser hospitalarios co peregrino. Cre que o boca a boca é unha das principais bazas coas que conta o itinerario. «Hai que conseguir que queiran repetir», asevera.

-Cre que nalgún caso se perdeu esa esencia e se chegou a ver ao peregrino exclusivamente como unha fonte de ingresos? Como unha mercadoría.

-Sempre pode haber casos puntuais, pero non creo que sexa o predominante. Non considero que sexa tanta o oferta que estamos dando como para facer iso, ou que sexa un sitio tremendamente turístico. Eses casos puntuais non poden desmerecer aos grandes profesionais que están prestando servizos ao longo do Camiño. Temos que mellorar, si, pero temos que facelo todos. E volvo a insistir: o peregrino non é un turista, co cal non hai que tratalo como tal. Hai que conseguir que queira repetir, e que se pode quedar dous días, mellor que un.

-Fisterra ou Muxía como punto final do percorrido?

-Poden darse diferentes circunstancias, como camiñantes que xa viñeron varias veces e queren probar alternativas novas e facer cambios. O que si é certo é que a esencia do Camiño é a fin do mundo, e a fin do mundo é Fisterra. Esa é a miña opinión persoal. O interesante é que fagan un triángulo e visiten ambos puntos. Hai que ter en conta que o propio desenvolvemento do Camiño pode cambiar e é moi posible que xente que queira probar a experiencia non dispoña de 15 días de vacacións. Para esas persoas podería ser interesante chegar a Santiago e facer as etapas a Fisterra e Muxía: sería unha semana. Quizais hai que divulgar por esta vía.