Juan Manuel Constenla: «O 42% do que vai ao contedor verde podería ser para compostaxe»

María Meizoso CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ECOVOZ 2021 | O Concello da Estrada vai da man de Sogama nun programa que xa levou máis de 300 composteiros a casas particulares. Diso falou en RadioVoz o concelleiro de Medio Ambiente

22 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de A Estrada, da man de Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), continúa dando pasos co obxectivo de reducir os refugallos, en especial os domésticos. Desde o pasado ano, a Administración local activou un plan de compostaxe que, tal e como sinala o edil de Medio Ambiente, Juan Manuel Constenla, xa está a dar resultados.

-Cal foi o punto de partida?

-A compostaxe é unha vía para reciclar os refugallos que temos nos nosos fogares. Barallabamos varias iniciativas, pero finalmente pensamos que esta era a máis axeitada, un bo inicio para ir acostumando aos veciños a ir separando aínda máis os residuos que xeran no seu ámbito doméstico. Todo iso terá que ir no próximo contedor que teremos que instalar, o marrón. E de aí partiu a idea. Falamos con Sogama e decidimos que era moi importante participar neste programa de compostaxe doméstica.

-O programa comezou o pasado ano. Que levan feito ata o de agora?

-Empezamos un pouquiño antes de que chegara esta situación sociosanitaria de pandemia. O primeiro foi repartir, entre todos os veciños que tiveran unha pequena hortiña ou un xardín, un total de 350 composteiros cedidos por Sogama para cada unha das vivendas unifamiliares que se sumaron. Pero a parte destes colectores, de 390 litros de capacidade, fixemos, como era necesario, unha serie de charlas para que a xente que estivera interesada en retirar os composteiros vise como era o seu funcionamento para poder facer ben o procedemento de forma particular.

-E como foi a resposta dos veciños?

-Estamos moi satisfeitos nese aspecto porque a veciñanza estradense aplicouse moito con este programa. Foron anotándose no Concello para poder retirar os composteiros. A día de hoxe quedan só uns 25 aproximadamente. Pero o máis importante foi o interese que se espertou por acudir ás charlas nas que se informaba de como facelo, de como facelo ben. Foi unha actividade que acolleron de forma moi positiva. Iso si, temos que lamentar que, a causa da pandemia, algunhas sesións tivesen que adiarse. En concreto, quedan pendentes dúas para facer este ano. Nas charlas impartidas, explicóuselles aos asistentes como compostar no fogar, pero tamén se lles mostrou os beneficios desta técnica á hora de reciclar os refugallos domésticos. É importante destacar que o 42% da bolsa negra, do que vai ao contedor verde, poderíase transformar en compostaxe por parte daqueles veciños que teñan unha horta ou xardín. A Estrada é un municipio semiurbano con moitas vivendas ao redor do núcleo que teñen posibilidade de ter estes elementos. Así, aproveitaríase o resultado final que se consegue. O composteiro non dá olor, así que nin sequera ten ese inconveniente que ás veces pode xurdir como dúbida.

«Baixou a pesada da bolsa do lixo habitual, da negra. E iso tamén implica aforro»

Un ano despois do inicio do plan, Constenla valora o traballo feito, aínda que subliña que «isto é só a primeira fase, hai que ser realista. A acollida foi moi boa e a xente que o está facendo, que levou os composteiros para as súas casas, está cumprindo cos obxectivos marcados polo programa», asegura. O edil aporta un dato: «A proba de que isto está funcionando é que baixou un pouquiño a pesada da bolsa do lixo habitual, da negra. E iso tamén implica aforro», indica.

-Un dos grandes proxectos da Consellería de Medio Ambiente para este 2021 pasa por poñer en funcionamento dúas novas plantas de biorresiduos, unha na provincia pontevedresa.

-Temos que ir todos da man. A Xunta está a dar moitos pasos e o proxecto desas plantas e boa mostra diso. No caso do noso municipio, no casco urbano, teremos que utilizar ese quinto contedor, o marrón, máis pronto que tarde. Será algo que teñamos que facer para recoller todos os refugallos orgánicos. Na actualidade, non temos a onde levalos, aínda que está a planta de Cerceda. Pero con eses novos proxectos evitarase esa problemática. O que si está a facer o Concello é licitar o contrato de recollida de lixo e un dos puntos que xa se lle vai pedir á empresa adxudicataria ten que ver con ese quinto contedor, para que todo o proceso se faga da forma axeitada.