Brigadas escolares para espertar a sensibilidade medioambiental

María Meizoso CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

P. LAXEIRO

O colexio vigués participa de forma activa no programa «Recíclate» impulsado por Sogama

15 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O de fomentar, entre os seus alumnos, a sensibilidade medioambiental é un dos grandes retos do equipo de docentes do CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro de Vigo. Xa o era no pasado, pero aínda máis no presente. «Sempre estivo aí, pero desde o curso pasado con máis intensidade. Tomamos todo isto máis en serio», apunta a directora do centro, Esther Fernández. Así, pasaron de se «laxeiros» a «ecolaxeiros». Tal e como resume Fernández, «todos os nosos traballos van encamiñados desde esa perspectiva».

No curso actual, o colexio embarcouse -da man de Sogama e do seu programa Recíclate- no proxecto que leva por título Os ecolaxeiros construíndo camiños. «Son tempos complicados, pero aínda así quixemos continuar con que comezamos o ano pasado. Cando chegou a pandemia tronzou os obxectivos que tiñamos perfilados, que eran moitos». Agora, pasado o tempo, «retomamos todas aquelas actividades que xa deran os seus primeiros pasos».

Multitude de proxectos

A variedade de iniciativas que se levan a cabo no colexio abarcan diferentes ámbitos. No caso da reciclaxe, subliña, «temos contedores en todas as portas das aulas, tanto de plástico como de papel e orgánico. Son os alumnos maiores os encargados, unha vez á semana de recollelos e levalos a reciclar». Por outro lado, tamén levan a cabo o proxecto de Brigadas verdes e o plan de residuos cero. No caso do primeiro, «temos un grupo de alumnos encargado de controlar que os compañeiros no tiren nada ao chan e de que o centro estea coidado. Se hai infraccións explícaselles». Co segundo, «pretendemos que non traian a merenda en envases que xeren residuos, senón que sexan reutilizables». Así evitarán, sobre todo, o uso do plástico.

«Os alumnos son coma esponxas, asimilan todo o que lles pedimos moi ben»

 

 

¿Cómo asumen os alumnos as tarefas asociadas ao coidado do seu entorno? Segundo explica a directora do colexio, Esther Fernández, «eles lévano moi ben». Aínda que recoñece que «o tema dos residuos cero custou un pouco para as familias porque teñen que traer o sándwich ou as galletas en táper e non en papel de aluminio, e tiveron que deixar de lado os plásticos... Pero agora xa están máis que mentalizados. E os alumnos aínda máis, son como esponxas e o asimilan todo moi ben. E como o tema da pandemia e do covid, dan exemplo das normas».

Referencia

O CEIP Pintor Laxeiro de Vigo non só participa no programa Recíclate de Sogama. Tamén o fai no plan Proxecta da Xunta, en Vigo Recicla e en Voz Natura, entre outros. O centro é toda una referencia no que a educación medioambiental se refire. Neste senso, a directora indica que «para nós é un orgullo porque, por un lado, as familias responderon fenomenal a todo o que se lles foi presentando. Estamos todos moi satisfeitos.

Por outro lado, todo o profesorado ten unha gran sensibilidade medioambiental con respecto a este tipo de asuntos. No día a día, amosan a súa votade para colaborar e potencian estas iniciativas. Ter un grupo que queira traballar con ilusión é fundamental».