Carballo: Costa da Morte: unha visión socioeconómica
PLUMAS CON MANDO | Escribe María Dolores Pena, presidenta de Afiprodel | A zona ten, entre outros, importantes valores paisaxísticos, culturais e gastronómicos
Durante o confinamento os concellos da Costa da Morte demandaron dos axentes de emprego e desenvolvemento local (AEDL) e das Axencias de Desenvolvemento Local, un estudo sobre como afrontar a realidade económica logo da pandemia. Neste traballo identificáronse necesidades e posibles solucións para fixar liñas estratéxicas, pero tamén necesidades que superan o ámbito local e comarcal.
Neste traballo xorden propostas para debater e estudar no territorio polos distintos axentes sociais, baseándose en que a Costa da Morte é unha zona cun gran tecido asociativo, o que constitúe unha vantaxe comparativa respecto a outros territorios, con menor tradición no debate de propostas e liñas estratéxicas. Tamén se puxo de manifesto a necesidade de implicar a outras Administracións, sobre todo no tocante a infraestruturas e na axilización dos procedementos administrativos. A Costa da Morte segue esperando unha banda larga de Internet. Tamén se constata que a xestión dos polígonos industriais non é homoxénea, o que constitúe unha barreira máis. É o futuro industrial, polo que cómpre conseguir solo máis barato, así como desenvolver unha política de captación de empresas. Falla o modelo e mais uns trámites que disuaden os potenciais emprendedores.
En liña con isto, a vertebración necesita que a autovía sexa xa unha realidade. Temos un problema de permisos e normativas das Administracións superiores, que fan que os procesos se eternicen e en moitos casos fagan desistir das iniciativas de emprego. Isto, común a todo o territorio, faise máis visible no rural, como se as normas se establecesen tendo moi escaso coñecemento do que nel acontece, sen ter en conta quen o mantivo en pé ata o día de hoxe.
A posta en marcha de calquera iniciativa prolóngase no tempo, por máis que todos falen de reducir os tempos e de fiestra única. Onde quedou a administración única?
A Costa da Morte segue a ter iniciativas pioneiras, que nalgún caso morren por esgotamento dos seus promotores. O Camiño dos Faros é un exemplo claro.
Os datos do IGE sobre o descenso da poboación invitan á reflexión.
Constátase unha baixada constante e un envellecemento continuado, así como outro dato máis preocupante: a perda no peso porcentual na provincia. A pirámide de poboación reflicte a falta de relevo xeracional e esta sangría de abandono non se viu freada nin na época de crise da construción, xa que aqueles que marcharon a outras comunidades, como no bum da construción a Canarias, na inmensa maioría, non retornaron. E, no caso dos mozos e mozas con titulación universitaria, buscaron desenvolver a súa vida profesional emigrando a determinados países europeos.
O tecido empresarial está constituído por unha trama esencialmente de pequenas empresas e autónomos, onde o sector servizos gaña peso e, en termos relativos, constátase unha evolución positiva no sector da construción. O sector industrial contráese e perde peso. Tamén se constata o fenómeno global da muda dos costumes no consumo, co auxe do comercio electrónico e das grandes superficies, que está a xerar perdas no sector do comercio, o que fai esencial a adaptación deste ás novas tendencias.
No sector primario, a superficie forestal representa case dous terzos do territorio, e a agraria útil, arredor dunha cuarta parte, destacando a gandería de vacún para a produción de leite, aínda que desapareceron as explotacións máis pequenas. Esta produción non entra na cadea de valor, ao carecer de industrias transformadoras, que son as que crean o valor engadido. É un feito limitador do desenvolvemento do sector. Nin sequera existe un aproveitamento integral do monte.
Na pesca, marisqueo e acuicultura, nos últimos anos redúcense o número de embarcacións e o de permisos da actividade marisqueira.
O sector turístico nos últimos anos tivo un importante auxe, destacando sobre todo o aumento de prazas en albergues (o Camiño) e en vivendas de uso turístico. Tamén son destacables a apertura do parador e iniciativas turísticas singulares de calidade que poñen en valor a Costa da Morte. O Xeodestino conta cun plan de acción.
A zona ten unha débil estrutura empresarial, severas carencias tecnolóxicas e de comunicación, unha poboación envellecida e unha economía cunha certa dependencia do turismo estacional. Pero tamén ten importantes valores paisaxísticos, culturais e gastronómicos, como recursos encravados en medios naturais cunha excelente calidade ambiental. E recursos potenciais na terra, na gandería, na actividade forestal, no mar, na artesanía e no seu rico patrimonio. E a marca Costa da Morte está compartida e interiorizada en todo o territorio, e xunto con outras, como é o caso Fisterra son inputs coñecidos en todo o mundo.
María Dolores Pena é a presidenta da Asociación de Profesionais de Desenvolvemento Local de Galicia (Afiprodel).
Comentarios