Arantza Portabales: «Recoñezo que son moi maniática con isto da reciclaxe»

María Meizoso CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Sandra Alonso

ECOVOZ | A escritora fala do seu compromiso co medio ambiente

08 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Arantza Portabales ten no mercado Historias de mentes, «un libro marabilloso, once relatos curtos cos que volvín á miña primeira editorial Bululú. Foi emocionante volver ao relato curto que é a miña debilidade», di.

-Para a primavera agardamos a súa próxima novela, «A vida secreta de Úrsula Bass». Ten data?

-Sairá na primeira semana de maio. Canto rematei Beleza Vermella, a reposta foi tan extraordinaria que a xente quedou con moitas gañas de Abad e Barroso. Esta é unha novela moi distinta, pero tamén unha continuación. Levo mergullada nela dous anos e estou encantada de volver ao xénero negro. Sairá ao mesmo tempo en galego e en castelán.

-No día a día, ao marxe da literatura. Como mantén viva esa conciencia medio ambiental que todos debemos ter?

-Todos temos marxe de mellora, pero na casa estamos concienciados desde sempre. Nós reciclamos todo, desde o que vai aos tres colectores habituais, ata o aceite ou as pilas. As novas xeracións veñen con pulo e non é casual que a grande abandeirada de todo isto sexa unha rapaza, Greta Thunberg. Teñen que virnos a lembrar que estamos aquí de paso e que temos a responsabilidade de deixarlles un planeta limpo. Eu téñoo todo moi estudado e recoñezo que, desde que me fun da casa dos meus pais, son maniática con todo isto.