O seu tempo en Arteixo, nos anos da República. A súa ideoloxía, causa da súa depuración política polo goberno franquista
06 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Antonio Platas Reinoso foi mestre en Baio durante vinte e tres anos, pero ademais do labor docente, quedou no imaxinario colectivo desta vila como un dos persoeiros máis carismáticos da segunda metade do século XX, pola súa implicación en canta actividade se celebraba. Pero había algo que en Baio non se sabía: por que fora represaliado polas autoridades franquistas. A recente lectura das fermosas Crónicas de Arteixo II, de Xabier Maceiras, púxonos sobre a pista. No capítulo dedicado á corcubionesa Rosario Romero Abella, mestra en Arteixo e secretaria do Consello Local de Instrución Pública, lemos que ese Consello tiña de presidente a Antonio Platas, mestre de Lañas. Interesados por tal dato, Maceiras remitiunos ao libro Arteixo durante la Segunda República y la Guerra Civil, de Manuel Blanco Rey, cura de Morás, no que aparece unha pequena biografía do mestre.
Ideario do Partido Galeguista
Antonio Platas Reinoso nacera en Santiago de Compostela o 3 de agosto de 1907. Estudante brillante, obtén o título de mestre cun espléndido expediente, o que lle valeu o Premio Extraordinario da Escola Normal de Mestres en 1926. Ao ano seguinte obtivo o Premio á Virtude e ao Traballo, que recoñecía ao mozo compostelán que tivese unha conduta exemplar e que contribuíse ao sostemento da súa familia. En novembro de 1926 comezou a súa carreira docente, na escola de Cruces (A Escravitude-Padrón), para pasar despois polas de Sorribas (Rois), Serres (Muros) e As Somozas, antes de obter praza definitiva en Lañas (Arteixo) en 1930.
É aquí onde botamos man do relato de Blanco Rey, quen recolle un moi favorable informe do mestre elaborado pola célebre inspectora María Barbeito, ao que lle engade da súa colleita que «era D. Antonio Platas uno de los maestros querido y protegido por la Inspectora. (...) Aunque no se mostró ‘incivilizadamente’ como anticlerical, retiró el crucifijo de su escuela, dejó de impartir enseñanza religiosa y comenzó a coquetear con la política. (...) Como presidente del Consejo Local, en cuyo seno, según doña María Barbeito ‘desplegó gran celo’, se decantó, claramente, por el Partido Galleguista, de cuyo ideario hizo pública propaganda con perjuicio y detrimento de su labor escolar. Nada extraño, pues que las nuevas autoridades, tras el triunfo del pronunciamento cívico-militar, le cesaren fulminantemente de su cargo por orden del Gobernador Civil de 20.8.1936».
Antonio Platas, defensor da escola laica que promulgaba a Institución Libre de Enseñanza e seguidor do Partido Galeguista, foi apartado do seu posto. En 1938 casa coa baiesa Consuelo Tasende Fachal, quizais a primeira muller de Baio e redonda que obtivo un título universitario (a carreira de Practicante), aínda que tivera que agardar aos 21 anos para poder estudar. Coñecéronse en Santiago e alí ía nacer o primeiro fillo, Antonio, en 1939. En xullo de 1940 resolven o seu expediente: suspensión durante dous anos de emprego e soldo, e traslado fóra da provincia durante cinco anos. Foron tempos duros para a familia. A fame fainos abandonar Compostela e refúxianse na casa dos pais de Consuelo, Constantino e María, que tiñan unha empresa pirotécnica en Baio.
Revisión do expediente
Antonio consegue que se lle revise o expediente e a finais de 1942 é rehabilitado. Mandárono a Pedrafita, e deseguido a San Cremenzo de Pazos (Zas), onde nace a filla, Ana María, en 1944. Pero ese mesmo ano é destinado para Alfoz, na Mariña lucense, onde vai permanecer ata que en 1948 se lle aproba o traslado para Corme. A partir de aquí, a familia vai enfocar a vida arredor de Baio, arrendan unha casa na Cacharosa, e Antonio logra permutar a praza de Corme pola de Baio.
Foron anos de silencio, nos que se deixou de falar de política
Do seu gran labor aquí son boa mostra as palabras da súa filla Ana, que extraemos da entrevista que Marta Valiña lles fixo a ela e a seu irmán neste xornal en 2011: «Mi padre se encargaba de los chicos, pero muchas veces mi madre le echaba una mano, porque tenía más de 80 niños, de todas las edades. Además, por casa venía siempre muchísima gente, porque mi padre, que tenía una máquina de escribir, ayudaba a los vecinos a redactar cartas, a redactar documentos, a elaborar instancias...».
Pero foron anos de silencio, anos nos que deixou de falar de política, incluso dentro do ámbito familiar. «Mi padre era maestro nacional, siendo corto de vista y sin haber disparado ni un tiro en su vida fue represaliado, como le ocurrió a tantos otros maestros», sinalaba o fillo.
Aínda que de ideas distintas, trabou amizade co cura Juan Astray, co que levou adiante moitos proxectos. Un deles, a dirección das obras das Escolas Agra Regueiro, ideadas por José Collazo e outros baieses na Arxentina, que foron inauguradas en 1954. Tamén foi un dos fundadores do CD Baio, no que estivo de directivo moitos anos e foi un dos responsables de que o club puidese dispoñer do Campo do Balsiño.
Antonio Platas Reinoso faleceu en abril de 1971, pero a súa figura quedou na memoria de moitas xeracións de baieses, que tiveron nel a moito máis que un mestre. «Los vecinos siempre se portaron bien con nosotros y siempre traían algún regalo. La gente de Baio era maravillosa», recordaba Ana Platas. No ano 1990 tivo dobre recoñecemento en Baio: a proposta da Asociación de Veciños Tabeirón, o Concello de Zas decide que unha rúa leve o nome de Mestre Platas, e o novo campo de fútbol vaise bautizar como Platas Reinoso.
Un home bo que demostrou desde a súa infancia que pagaba a pena preocuparse polos demais, que fixo bandeira dun ideal progresista e galeguista, un home que sufriu un calvario polas súas ideas, pero que a pesar de todo, soubo mirar sempre polo ben dos seus veciños.