Los Póker e Los Auces, paixón musical na Ponte do Porto

SUSO DE BASILIO

CARBALLO

Los Póker
Los Póker

EN CLAVE DE SOLPOR | Unha enchente de ilusión na familia Rodríguez Caamaño e os seus grupos

06 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Ponte do Porto, anos 70. Achegámonos hoxe na nosa Clave do Sol/Por deica á Ponte do Porto, onde na década do 1970, xurdiu unha enchente de ilusión musical na familia Rodríguez Caamaño. Coma sempre, temos que facer unha breve introdución antes de comezarmos co tema que nos trae. Quizais influídos por mor de ver cada semana a sala Calistenia, dos seus tíos Oliva e Julián, espertou nestes tres irmáns a inquedanza de coñecer as sete notas musicais, aló polos anos 65, sendo aínda os máis novos uns nenos.

Antonio e Gil
Antonio e Gil

Fora alí como os dous maiores, Antonio e José (Fran aínda era moi neno), comezaran a substituír na batería ao seu curmán Alejandro cando se foi para a mili, facendo así os seus primeiros pinitos musicais acompañando a un lembrado acordeonista, Gil de Serantes e ao saxofonista de Carnés Lolo dos Fideles. Quizais foi esta unha herdanza da súa avoa materna, Pepa de Cures, que seica lle daba algo ao acordeón, aínda que non chegaron a coñecela, pero si ao fillo, seu tío Victorio, que llelo transmitiu de oído e o vemos nunha destas imaxes, acompañándoos co bombo.

O tío Victorio
O tío Victorio

Francisco Rodríguez Valiña faleceu o 5 de novembro de 1972 con 52 anos. María Pura Caamaño Castro, o 4 de maio do 2015, aos 95. Un cúmulo de penalidades pendía sobre esta humilde familia. Antonio emigra a Inglaterra con 18 anos, onde xa residía súa irmá Magdalena, a maior. Pero un mes despois un tumor á altura da medula espiñal deixaríao de por vida inválido das pernas e algo tocado nos brazos. No Hospital de Londres estaría un ano de rehabilitación, conseguindo quedar ben dos brazos e termar de seu con muletas. Logo iría a Madrid, ao Hospital da Paz, ano e medio máis. Alí chégalle un regalo de súa nai: un acordeón diatónico para entreterse, e velaí é onde comeza a súa teima polos teclados. O 5 de novembro de 1972 produciuse a morte de seu pai, Francisco Rodriguez Valiña, Francisco da Lus, así coñecido polo seu oficio. Esa noite, arranxando unha avaría, queda electrocutado con 52 anos, deixando á súa muller Maruja con sete fillos, dos cales algúns menores, entre eles, os do eido musical; Antonio, con 21 e lesionado; José, de 16, e Fran con 13.

A sala Calistenia

Unha vez de volta do Hospital La Paz, Antonio acepta o seu fado cunha moral non usual. Outro agasallo dun afillado de súa nai, José de Cures, chégalle dende Suíza: un acordeón piano de 60 baixos. Todo de oído, sen solfexo. Ante isto, comeza a vir a Neaño a coñecer as sete notas e o manexo do acordeón con J. María Álvarez Canto, quen, amais de días enteiros e xantar, nunca lle cobrou unha peseta. Para isto valíase do veciño Manolo de Carnés, tratante de gando que viaxaba cada semana a Corme, e, cousas da vida, anos adiante sería sogro do seu irmán José.

José, de neno
José, de neno

Volvamos á sala Calistenia de novo, onde tocando a Iris de Baio, súa tía Oliva e súa nai mércanlle a José unha pequena batería en 1.500 pesetas. Comeza o dúo dos irmáns en bailes, vodas e restaurantes, sobre todo na sala dos tíos, onde a tía Oliva, a segunda nai de todos eles, os ofrece para vodas e eventos por «mil pesetiñas». Tamén a súa querida veciña Mercedes, da Casa da Crega, os ofrece aos noivos para o mesmo fin. Namentres, seguen coa teima de coñecer máis solfexo, agora xa co pequecho Fran. Desta vez, sería o músico Perfecto Varela, desde Cabana, quen lles vai en moto Vespa deica á Ponte do Porto. Prepáraos e lévaos examinar ao Conservatorio, polo de obter o carné profesional. Os tres tocan o tema dos Relámpagos El tiempo vuela, con Antonio Mallo e Pastor Asensio no xurado, coa sala chea de músicos. Aproban e soñan con formar un grupo, pero como, sen equipo de son?

Viaxan a Corcubión e á familia Abelleira, da orquestra Palma, mércalles un pequeno equipo que lles deixan en baixo prezo e algún de agasallo. En Santa Comba, Daniel dos Seikos case lles doa outro amplificador. «Case o temos todo», falan entre eles. Agora, un órgano Honner mercado a un invidente: Rocha.

Nace logo o grupo Los Póker (primeira imaxe, a superior) no albor de 1973 cos tres irmáns, máis o trompeta e cantante Pepe do Zoqueiro, aínda que por pouco tempo. Entra J. Manuel, (Manel de Laxe), a día de hoxe director e voz do Tren da Unha, ata irse á mili. Relévao Manolo Couto, un veterano da verbena, e saen como Los Auces, esta vez co saxo Luís Añón, de Malpica, e J. María da Torre, trompeta.

Los Auces
Los Auces

Unha boa sorpresa esperábaos co achego do bo guitarrista andaluz Enrique Carmona, quen, estando de xira por Galicia coa atracción madrileña Rosa Moreno, pouco tempo despois acompañaría ao famoso grupo Triana. Enrique, o seu mentor, como eles lle chamaban, decide quedarse ao coñecelos por mor de sentirse integrado coma un fillo máis nesta humilde familia porteña.

Chegado o final do verán de 1974, e coa marcha de Enrique, deciden abandonar. Antonio volve a Inglaterra; José intégrase con Los Yamis de Baio ata ir para a mili e Fran comeza comigo a formarmos o grupo Novas Ideas. Casou no verán de 1978 e no 1979 pasa aos Breogáns en A Coruña, cidade onde asentou o seu fogar. No 1980 participa na formación da Orquestra Foliada, onde é o director artístico dende o seu comezo.

Colaboración en datos e fotografías: Irmáns Antonio, José e Fran Rodríguez Caamaño.