Eran tempos de boa música coa orquestra Bergantiños

suso de basilio

CARBALLO

EN CLAVE DE SOLPOR | Pese a acadar moi bo renome, a formación deixou de soar no 1959

30 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O nacemento desta moi lembrada orquestra débese ao abeiro da Banda de Música de Coristanco, onde o xerme da música vén de moi antigo, sobre todo na familia dos Nayas e no albor do pasado século. Furgando no tempo e neste caso do eido musical, atopeime dende o principio da miña recolleita en prol do libro A música en Corme que, un dos primeiros directores aos que recorreron para «aprender a tocar pola partitura» foi o mesmo que trouxo consigo a arte musical do solfexo a Corme-Aldea. Só eran sete notas (7) aquelas que no albor do século XX descoñecían os nosos músicos bergantiñáns, en cuxo mester por coñecelas estaban por suposto os músicos cormeláns, como así outros de pequenas vilas e aldeas.

A este respecto, e para ir entrando na arte de tocar de oído, debemos recuar deica atrás ata chegarmos á familia de Os Gaiteiros, en Corme-Aldea, os cales supostamente eran iso, gaiteiros.  Enfilamos logo o camiño, e este lévanos a J. María Álvarez Vecino, o maior dos Gaiteiros (1879-1932), o cal e segundo lle foron nacendo os fillos, coma calquera proxenitor, arelaba en como dar ensino aos seus. E este soño chegou en Baio (1915), cando alternando coa Banda de Valei- Outes, quedan abraiados ao ollar con pasmo como un rapaz de 16 anos «tocaba pola partitura» ademais de dominar varios instrumentos. Sen pensalo máis, fanlle unha proposta. E aquel raparigo, Manolo López Vázquez, vén para a Aldea de Corme e comeza cos fillos dos Gaiteiros facendo pousada na súa casa. Mais o destino deste rapazolo, quedaría de por vida vinculado á nosa parroquia. En sendo mozo, casa con Josefa Cousillas Facal, cuxos irmáns eran xa alumnos seus, e comeza coa súa propia escola. Chega o 1920, e xorde a súa formación: A Banda de Manolo.

Nace a Bergantiños

Volvemos de novo a Coristanco e a familia Naya leva tamén a Manolo a ensinarlles «música con solfexo» e a dirixir a xa súa banda. Malia todo, pouco tempo se queda alí, relevándoo o seu exalumno J. María Álvarez Canto, quen durante anos viviría na vila coristanquesa coa súa familia. Prosigue a vida, mais se nos veráns se gañaban unhas pesetas, os invernos eran crus. Ante isto, J. María busca unha alternativa. Nace a primeira orquestra Bergantiños sobre o 1945 con algúns compoñentes da banda, na primeira e máis antiga foto (IMAXE SUPERIOR): batería, Manuel Naya; saxos tenor e alto, os irmáns Manuel e Jesús Mallo Naya, con 14 anos; acordeón, J. María Álvarez, director; trombón, Generoso Naya; violín e trompeta, Jesús Naya; trompeta, Jesús Naya, e cantante e guitarra, o coñecido Niño de Soandres. Non obstante, a banda seguiría nos veráns. Ata o 1952, que J. María deixa Coristanco.

Pasarían tres anos, ata que en 1955 de novo renace esta orquestra, esta vez da man da dirección de Jesús Mallo Naya, cando vén cumprido da mili. Nesta nova formación, segunda foto: trombón, Moncho Calvete; trompeta, Anselmo; batería, Luís do Xastre; saxos tenor e alto, irmáns Severino e Jesús Mallo Naya; acordeón, José Lado; e cantante, J. Luís de Berdillo.

No 1957 aumenta a plantilla, a que deixaría pegada na historia bergantiñá, onde eran de reclamo nas festas da contorna. Nesta nova e maior foto, vemos na fila de atrás e de esquerda a dereita: trombón, Moncho Calvete; trompetas, Jesús Calvete, Anselmo e Jesús Loureiro, e batería, Luís Costa. Na fila primeira, saxo, Ramón Costa, e tenor e alto, Severino e Jesús Mallo Naya (director). Agachados, os irmáns Luciano e J. Luís Fernández Caamaño de Berdillo; acordeón, José Vencedor; e contrabaixo, José Seguís.

Comezan os problemas do transporte e teñen que contar con dous turismos para tanto equipo: O Largo e O Asturiano serían os seus cotiáns transportistas. Só cando era preto, e algúns levaban moto ou bicicleta, lles chegaba un só turismo. Pero na vida todo ten un comezo e un final. Rematado o verán de 1959, Jesús Mallo Naya decide dar un xiro á súa vida e probar sorte na capital, A Coruña, co cal a Bergantiños, todo un nome no mundo orquestral, cesa para sempre. Na cidade e ao marxe doutros traballos, Jesús formaría parte de moitas lembradas formacións coruñesas ata o seu retiro laboral.

Os irmáns José Luís (1936-2017) e Luciano (1940) comezarían unha nova etapa formando parte das máis lembradas orquestras de A Coruña: Satélites, Trovadores, Sintonía, Antonio Mallo, Kanaris.... Anos despois, Luciano deixa o eido musical e en Carballo emprende outras facetas laborais deica o retiro. José Luís seguiría na cidade de por vida, aledando aos seus moitos seareiros coas súas incombustibles cordas vogais, unha xenética herdanza familiar cal agasallo da vida a ámbolos irmáns. Mágoa a de perdermos seguir escoitando a Luciano con esa dozura no seu estilo Slow de melódicas baladas.

Luciano Fernández, fotografado hai tan só uns días
Luciano Fernández, fotografado hai tan só uns días Ana Garcia

Mais non podo rematar esta lembranza sen nomear ao trombonista da formación no 1955 (fotos segunda e terceira) da nova Bergantiños: Moncho Calvete Bastón, que, cando está preto dos 87 anos, segue na nosa banda coa súa ledicia e bo humor. Un dos poucos que viven. Por moitos anos Moncho, e, o meirande recordo aos que xa non están. Na súa memoria.

Colaboración: Mallrod-Miguel, fillo do director da Bergantiños, Jesús Mallo Naya, quen faleceu o 18/11/2011 cando lle faltaban 15 días para os 80 anos.