Plumas con mando | A radiofarmacia, unha profesión que namora

Lucía Díaz Platas

CARBALLO

Ana Garcia

Escribe Lucía Díaz Platas | Esta especialidade é como a Costa da Morte: descoñecida para moitos. Dende a sociedade que presido queremos darlle visibilidade e que futuros profesionais non descarten esta vía

24 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai un tempo, escribía neste mesmo xornal sobre a connotación pexorativa que tiña nalgúns ambientes dicir que era de Carballo, ou a diglosia que por desgraza arrastra a nosa lingua. Neste caso, a mesma connotación podería aplicarse á miña profesión. Son carballesa, e ademais, boticaria. E a moita honra.

Cando empecei a estudar Farmacia na USC, dinme conta do gran descoñecemento que había en xeral sobre as saídas profesionais de dita carreira. A maioría da poboación xeral, e moitos dos estudantes de Farmacia, pensaban que a única oportunidade laboral era a de traballar nunha oficina de farmacia. Por non falar xa dos que pexorativamente dicían: «Estudar 5 anos para ser tendeira?». Dicir iso amosa a ignorancia que hai sobre esta profesión tan pouco valorada. Igual que ser de Carballo está mal visto en segundo que ambiente, tamén por ignorancia.

Coma sempre, hai de todo, e non quero xeneralizar. Pero estes comentarios deixan claro que non teñen nin idea do que se fai nunha oficina de farmacia (atención farmacéutica, preparados oficinais, fórmulas maxistrais…).

Moitas posibilidades

Pois esa mesma ignorancia, tíñaa eu sobre as posibles saídas laborais como Licenciada en Farmacia. Estas son moitas e moi diversas. Por exemplo, o único que pode ser Director Técnico dun laboratorio farmacéutico, é dicir, o máximo responsable dun laboratorio onde se fabrican medicamentos (como poden ser as vacinas), é o Licenciado/Graduado en Farmacia. Por outra banda, os farmacéuticos tamén poden traballar en inspección sanitaria, industria cosmética, alimentaria, investigación científica, docencia…

Ademais existe a vía pola que eu me decantei, a formación sanitaria especializada, á que se accede polo sistema de residencia. Á máis famosa sería o MIR (médico interino residente), que no caso dos farmacéuticos sería o FIR (farmacéutico interino residente). Despois de superar ese exame, escolles por número unha especialidade e un destino. No FIR hai múltiples opcións, algunhas comúns co MIR ou co BIR. Por exemplo, os microbiólogos poden ser tanto médicos como farmacéuticos especialistas. É dicir: os responsables finais dun laboratorio onde se realizan, por exemplo, as famosas PCR, son compañeiros farmacéuticos.

Medicina nuclear

No meu caso, despois de realizar o FIR, optei pola radiofarmacia. E se xa a farmacia é unha gran descoñecida, a radiofarmacia aínda o é máis. É a «cociña» da medicina nuclear, na que se preparan os radiofármacos. Son medicamentos radioactivos que teñen moitas aplicacións, tanto diagnósticas como terapéuticas. Ámbalas dúas son especialidades relativamente novas, e cun desenvolvemento moi rápido nos últimos anos. Son multidisplinares e tocan moitísimas indicacións: oncoloxía, neuroloxía, cardioloxía…

É por isto que cando me propuxeron escribir este artigo, non o dubidei. Non por min, senón por darlle voz á miña especialidade. Recentemente, pasei de ser vicepresidenta da SERFA (Sociedade Española de Radiofarmacia, que acolle a Profesionais que exercen a radiofarmacia e a radioquímica en España tanto en hospital, coma en industria e investigación), a exercer como presidenta.

Obxectivos

Só levo un mes como dirixente da SERFA, pero un dos grandes obxectivos que temos como sociedade é darlle visibilidade á nosa especialidade: que a poboación xeral a coñeza e saiba que existimos. Pero, sobre todo, que futuros profesionais non descarten exercer unha profesión tan bonita como a miña.

En definitiva, podería dicirse que a radiofarmacia é coma a Costa da Morte: unha gran descoñecida para moitos, pero canto máis a coñeces, máis namoras dela.