Ama Wilde: música, poesía e esencia da Costa da Morte

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Filla de camariñá e muxián, emigrada a Londres con 9 anos, vén de lanzar o single «No-Superman»

24 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«Unha sempre quere falar como a súa xentiña, coa súa gheada e o seu seseo», dicía onte mesmo Ama Wilde (1982), filla de nai camariñá e pai de Muxía, mudada a Londres con tan só 9 anos. Nunca deixaron de falarlle o galego. Ama vén de lanzar No-Superman hai tan só uns días, o 20 de xaneiro: é o primeiro single do álbum How we rise (Como ascendemos), ao que tamén pertence Sing the nightmares a lullaby (Cantarle una nana a las pesadillas). «Un single inspirador y lleno de soul. Letras empoderadoras acompañan un pop ecléctico edgy con matices de jazz y latin», traslada nunha nota de prensa, na que tamén alude ao sentido saxofón, aos sons de guitarra «majestuosos» e a un certo eco do «inspirador poder femenino de Nina Simone y Janis Joplin». Explora as profundidades da condición humana, vai más alá das mentes, chega ao espírito. Apela á capacidade de sanación, a unha metamorfose na procura de percepcións de luz, liberdade e conexión.

Wilde era aínda unha nena cando comezou a escribir as súas primeiras poesías, algunhas delas publicadas no seu libro Rebellious Heart: «A poesía axudábame a asumir as cousas, a transcendelas. A arte sempre me encantou. Eu quería estudar a condición humana, cambiar algo, axudar en algo... Así foi que empecei a estudar Belas Artes (London Metropolitan e logo University of Artes London), pero encontrábame eu mesma algo limitada pola propia arte... Así que preferín optar pola música. É máis doado chegar á xente cunha canción ca nunha galería de arte, unha canción podes interpretala en calquera parte», explica. A arte como sentido da existencia, como fonte da precisa resiliencia.

A Costa da Morte é parte da «esencia» de Ama: «É a túa cultura, a túa familia. Calquera emigrante sente morriña, por iso os galegos inventamos esa palabra», di. Está sendo un tempo intenso para esta camariñá-muxiá, porque aínda que ten formado parte de grupos, como String Theory, ou feito colaboracións con produtores e músicos europeos e ingleses, How we rise é o seu primeiro traballo propio, individual. «É o meu primeiro álbum en solitario, e o traballo de promoción é outro mundo distinto: aí está o márketing, e todas esas cousas. Hoxe os artistas temos sorte no sentido de que podemos autopublicarnos e facer a nosa propia promoción a través dos medios sociais sen ter que depender dunha discográfica, pero iso, doutro lado, esixe moito traballo. Si, moita promoción e moito traballo», indica.

Actúa en Londres e arredores, pero tamén se puido ver en directo na televisión de Reino Unido e España. Ronnie Scotss, The Blues Kitchen o Purple Turtle son algúns dos locais polos que pasou. Recitou no Poetry Café ou no Stoke Newington. Diversos medios interesáronse por esta veciña da Costa da Morte que, no 2009, escribiu a canción Break the chain para o grupo ambiental Rebelión contra la extinción. «Vivimos tiempos de cambio nunca antes vistos y unidos debemos conectar con el corazón y dejar que se rebele», apunta nesa nota sobre a peza No-Superman. Música, poesía e esencia de aquí. Talento.