Noelia Márquez: «Na comarca temos un grande potencial patrimonial, deberiamos mirar por el»

p. blanco / a. garcía CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Marcos Rodriguez

Muxiá, di que a restauración da Capela Maior foi o gran cambio para a catedral

17 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Cóntanse por millóns as miradas do mundo que se pousan na catedral de Santiago. Este ano, algunhas menos, pola pandemia e o peche da cidade duns meses a esta parte. Son moitos, tamén, os que seguiron con interese as obras de restauración neste templo tan destacado: as do Pórtico da Gloria, xa un tempo atrás, e as da Capela Maior, máis recentemente. Detrás delas está a muxiá Noelia Márquez Grillle, formada na Escola de Restauración e Conservación de Pontevedra. En Quintáns ten a súa base e dende aí vai e vén cada día a Compostela. Directora de restauración da catedral, son xa dez anos de traballo estable, «fixa», ao redor dela. «Nun edificio coma este sempre hai que facer», di. Nel, na Torre do Reloxo, fica tamén o legado do ceense Domingo Antonio de Andrade.

Noelia colleu unha grande época de obras e non faltan iniciativas. É pouco amiga de figurar, prefire o traballo calado, discreto. Só endurece algo a voz para reivindicar que é importante conservar o patrimonio e mentalizarse de que a restauración «non é repintar». Non fala xa de catedrais senlleiras, nin de grandes galerías, senón de obras en igrexas e ermidas. «O Camiño de Santiago, sen o seu patrimonio, perdería parte da súa esencia», manifesta.

-Como chegou á Fundación Catedral de Santiago? Impón traballar nun espazo así?

-Si, en certa maneira, aínda que ao estar continuamente con proxectos, case non dá tempo a pensalo. Cheguei á catedral porque antes de facer Restauración cursei técnico superior en escultura e, ese verán, tiñamos unhas prácticas de traballo aquí. Logo, cando xa traballaba como autónoma, fixen nela algunha obriña e ao final acabei vinculándome definitivamente, dende o 2010.

-Nalgún documento menciónana como experta en teas.

-Son restauradora en xeral, e especialiceime en escultura, aínda que cando cheguei á catedral participei nun proxecto de restauración de tapices, unha colección de Goya, pasando logo xa ás ademais obras, o Pórtico, a Capela Maior... O dos tapices foi no meu tempo de autónoma, antes de formar parte da plantilla da Fundación Catedral, onde fixemos un equipo que se chama A Casa da Fábrica e no que, con carácter fixo, estamos un arquitecto, eu como restauradora e dúas aparelladoras. Pero como hai tantos proxectos e traballos, contratamos e externalizamos servizos, sobre todo proxectos de arquitectura.

-Interveu tamén no chamado santuario do Nazareno, na Pobra.

-Si, foi antes tamén de chegar á catedral. Traballei tamén no Museo Nacional de Arte de Cataluña, primeiro con prácticas e logo preparando unha mostra; en Muros, tanto na igrexa Virxe do Camiño como en San Pedro; en Montederramo; na catedral de Ourense; na Pobra; na Serra de Outes... andei por toda Galicia.

El ejemplo de lo que ha supuesto la restauración, explicado en una imagen. A la derecha, antes; a la izquierda, después
El ejemplo de lo que ha supuesto la restauración, explicado en una imagen. A la derecha, antes; a la izquierda, después

-De cara ao visitante as obras non agradan, mais o resultado...

-Vale a pena, claro. Esta última obra, a da Capela Maior, foi a de máis complexidade. Incluía a restauración das pinturas da bóvedas, do baldaquín, o altar de prata... Creo que é o gran cambio para a catedral: volveuse recuperar a luminosidade e a espectacularidade do Barroco, algo que estaba completamente perdido.

-Que traballo na catedral a marcou máis nestes dez anos?

-Sen dúbida, a restauración precisamente da Capela Maior. Nunca esperei chegar a este punto. Cando empezamos esa obra sabiamos que era moi complexa, porque o estado de conservación, sobre todo das pinturas, pero tamén do baldaquín e da prata, era máis ca pésimo. Embarcámonos nunha grande aventura, pero o resultado é o grande cambio para a catedral de Santiago.

-Obras nun 2020 marcado pola pandemia, sen case visitantes nin peregrinos. Como o viviron dende a súa posición?

-Foi un ano peculiar, de ter que adaptarnos á situación. Pasar de ver Santiago e a catedral con tanto movemento a non ver ninguén. Dende o punto de vista da restauración e das obras, claro, podes facer proxectos que con xente sería case imposible. Aínda así, o cambio é realmente enorme.

-E o Xacobeo 2021? Nótase?

-A min, que veño todos os días, sorpréndeme a cantidade de xente, santiagueses, que pasan para ver como quedaron as obras, sobre todo agora coa Porta Santa aberta. Son os propios visitantes da cidade, que seguramente coñezan a catedral, pero recén restaurada, a imaxe é outra. Quizais con isto do peche de Santiago, é para eles un bo momento de vela: sen turistas, sen peregrinos.

-Que virá agora?

-Andamos con diversos proxectos de restauración. Algúns están xa case finalizados, pero na Capela Maior, por exemplo, aínda nos queda algún retoque. Estamos facendo ademais estudos de pinturas que pode haber noutras capelas.

-Como a marcou, como muxiá e como restauradora, o incendio do santuario da Virxe da Barca e a destrución do retablo de Romay?

-Sempre que se sofre a perda dun ben tan importante como era o retablo da Virxe da Barca, como muxiá ou como persoa que lle guste a arte, é algo impactante. Igual que impacta entrar na igrexa e ver como quedou. Pero aínda sendo unha pena, tamén hai que ter en conta que ao longo da historia foron moitos os monumentos importantes que sufriron incendios. Perdas irreparables.

-Posiciónase nese debate acerca de se mellor unha réplica do que había ou, no entanto, conviría máis unha obra contemporánea?

-Penso que é un tema no que non teño suficiente información nin suficientes datos. Entendo que tanto unha postura como a outra deben estar ben avaladas.

-Moitas das igrexas do Camiño, ou fóra del, están pechadas, case todas. Non cumpriría unha posta en valor, un aproveitamento? Mesmo o caso de Moraime...

-Estou de acordo. Hai uns días que fun precisamente a Moraime e estaba pechado, entendo tamén que con esta situación actual non é algo doado. Na nosa zona temos un potencial patrimonial moi importante, e deberiamos mirar máis por el. Quen di Moraime di outros lugares, aínda que Moraime é un mosteiro dunha calidade impresionante.

-Mais parece que está á sombra do santuario da Barca.

-Cada un destaca por unha serie de cuestións e todo o que sexa patrimonio é identidade dun pobo. Non debe de haber competencias, porque iso só causa unha sensación negativa. Pola contra, o conveniente sería buscar unha unidade para poder destacar o patrimonio da ruta xacobea.